Cándido Pazó con “Memorias dun neno labrego”, este sábado na Casa-Museo Manuel María

Espectáculo teatral baseado no libro de Xosé Neira Vilas que este ano fai 60 anos da súa primeira publicación

O auditorio da Casa-Museo Manuel María, dentro da súa programación cultural, acolle este sábado, 10 de abril, ás 19 hrs, o monólogo escénico-narrativo de Cándido Pazó sobre o libro de Xosé Neira Vilas, “Memorias dun neno labrego”. Un libro sobranceiro na literatura galega, que é o máis editado e traducido, e publicado por primeira vez hai sesenta anos pola editorial Follas Novas, de Bos Aires.

Espectáculo teatral emotivo e divertido que combina a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director, coa súa recoñecida traxectoria como contador de historias e monologuista.

A estilización formal do teatro e a comunicación fresca e directa do monólogo cómico e a xograría oral definen esta peza de gran atractivo visual, combinando cunha elaborada iluminación que debuxa unha suxestiva escenografía das emocións. Espectáculo en que cada momento e situación ten a súa sonoridade da man dunha proposta musical composta para a ocasión.

Os billetes para presenciar esta representación teñen un prezo de 5 euros, e é imprescindíbel reservar previamente a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.