Cogami representa nun mural a diversidade do Camiño de Santiago

Persoas usuarias do centro que COGAMI ten en Fingoi traballan nunha obra conxunta que representa a diversidade do Camiño de Santiago

Co fin de achegar a arte á discapacidade e a discapacidade ao mundo da arte, as 25 persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Fingoi participaron nun obradoiro artístico impartido polo artista plástico lucense Carlos Maciá e maila pedagoga experta en mediación cultural, Alba Cacheda.

Financiado a través do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia -cunha achega de 15.600 euros-, e coordinado pola Federación COGAMI Coruña, este obradoiro está enmarcado no proxecto `33=4. Caminarte´ e pretende poñer en valor o traballo en equipo dos centros de recursos para persoas con discapacidade que COGAMI ten en Lugo, Medelo (Silleda), Pontevedra e Mos. Como estes catro centros están situados preto dos Camiños Francés, Vía da Prata e Portugués, a través deste programa preténdense enxalzar os valores da convivencia e do contacto con elementos naturais, como ocorre cando se percorre calquera das rutas destes Camiños.

En Fingoi, tanto Carlos Maciá como Alba Cacheda, levaron a cabo durante unha semana unhas propostas de pintura colectiva a través do emprego do corpo, poñendo en valor as diferenzas que existen entre todas as persoas e a busca dunha aprendizaxe común a todas. O director de Admon. e RR. Amigos do Camiño do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, participou hoxe nunha das xornadas, o que lle permitiu observar en primeira persoa o desenvolvemento do proxecto e o traballo das persoas participantes que realizaron pezas diferentes que foron tomando forma ata finalizar nun lenzo grande deseñado con materiais reutilizables para darlles unha nova vida. Ademais, pintaron as ventás con rotuladores translúcidos e participaron nunha edición especial da revista Moemia Virtual que producen no centro. O programa rematou cunha acción pictórica conxunta desenvolvida no patio.

Este obradoiro contou cunha duración de 20 horas divididas en sesións de catro horas diarias nas que participan tanto as persoas usuarias, como as traballadoras do centro. No centro de Fingoi as pinturas foron realizadas utilizando as mans, cadeiras de rodas e os pés, sempre utilizando materiais reciclados, para crear unha obra que pretende ir avanzando como o Camiño de Santiago.

Para levar a cabo este proxecto, ademais de Carlos Maciá e Alba Cacheda, colaboran tamén o artista plástico Misha Bies Golas e a artista valenciana afincada en Santiago de Compostela, Irene Grau.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.