Este próximo martes estréase en YouTube a serie “Outras voces para as letras de Xela”

Olga Novo, Marica Campo ou Claudio Rodríguez Fer son algunhas das voces que participan nesta homenaxe audiovisual á poeta sarriá. Os audiovisuais difundiranse a través da canle de YouTube e das redes sociais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo os martes e xoves

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo difundirá a través da canle de YouTube e das redes sociais a serie “Outras voces para as letras de Xela”,  que divulgan o legado de Xela Arias para a cultura galega do noso tempo a través de lecturas e interpretacións da súa obra e de reflexións biografías de familiares, escritores e escritoras, artistas e persoas anónimas.

A vicepresidenta Maite Ferreiro explicou que  “con esta iniciativa, aproveitamos as posibilidades que nos ofrecen a linguaxe audiovisual e as canles dixitais para difundir e poñer en valor a figura de Xela Arias. A situación sanitaria converteu a programación audiovisual nun recurso moi empregado no que, neste caso, seguimos afondando porque cremos que é unha fórmula axeitada para plasmar o caracter anovador da obra de Xela Arias pero tamén para chegar coa literatura galega a públicos novos”.

“Outras voces para as letras de Xela” consta de quince pezas audiovisuais que confluén na intención de render homenaxe á poeta da Vilerma no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Con escenarios vinculados a súa infancia, entre o rural de Sarria e a cidade de Lugo, como pano de fondo, os vídeos retratan a Xela Arias a través da súa poesía, de textos literarios clásicos que traduciu ao galego e de reflexións biográficas.

Escritoras e escritores lugueses coma Olga Novo, Marica Campo, Helena Villar, Raga Lobelle, Carmen Blanco, Xesús Rábade, Lois Pérez, Claudio Rodríguez Fer homenaxean a esta activista das letras, da lingua e da acción social e cultural, comprometida e multidisciplinar.

A obra de Xela Arias tamén se revisa desde a danza e a expresión corporal a través de artistas como Carlota Pérez e desde a perspectiva que ofrecen persoas anónimas, nenas e e nenos e público adolescente dos centros educativos que len os primeiros escritos infantís en prosa da autora.

A serie audiovisual incorpora ademais as voces dalgúns dos seus familiares máis achegados coma o seu fillo Darío Gil ou o seu irmán Lois Arias.

Os vídeos, con realización e fotografía de Lorena Gallardo e Humberto Novoa, difundiranse a través das canles dixitais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo desde a vindeira semana, coa estrea dunha entrega os martes e xoves ás 20.30 horas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.