Gómez Reino: “Europa investiga os incumprimentos da Xunta na protección dos espazos naturais”

Galicia é unha das CCAA con menor superficie forestal protexida, cun 15% fronte ao 41% da media estatal, a pesares de ser unha potencia verde

“A Unión Europea está a investigar os incumprimentos da Xunta de Alberto Núñez Feijóo na protección dos nosos espazos naturais”. Así o manifestou por escrito a Comisión Europea en resposta a unha denuncia que Unidas Podemos, a través da europarlamentaria Idoia Villanueva, na que se facía constar a falta de dilixencia e os reiterados incumprimentos do Goberno Galego na protección dos nosos espazos naturais.

Na resposta, o comisario lituano Virginijus Sinkevicius, responsable de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, sinala que a UE vai abrir unha ‘investigación formal’ ao Estado español ao respecto das ‘insuficiencias detectadas’ en relación á conservación de determinados hábitats e especies de interese comunitario, tal e como está formulados na Directiva 92/43 CEE.

A Unión Europea resposta así á denuncia de Unidas Podemos do pasado febreiro cando o deputado e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, sinalou os incumprimentos ambientais da Xunta na xestión dos Espazos Naturais e na elaboración de propostas de Lugar de Interese Comunitario (LIC), de competencia autonómica, ligándoo ás intencións de Feijóo de instalar sete novos parques eólicos en espazos senlleiros como Pena Trevinca (Ourense) e poboar de muíños de vento as serras de A Groba e O Galiñeiro, en Pontevedra.

A resposta que chega agora da Comisión europea é clara: as autoridades competentes, a Xunta, neste caso, deberan ter adoptado as medidas axeitadas para preservar o interese ecolóxico destes paraxes incluso antes de que o Estado os propoña para a súa inclusión na lista de Lugares de Importancia Comunitaria.

Na mesma liña pronunciouse o Ministerio para a Transición Ecolóxica que o pasado 26 de marzo sinalaba directamente á Xunta como responsable dos incumprimentos da xestión dos espazos naturais protexidos, conforme á Lei 42/2007, así como na ampliación da Rede Natura 2000 e nas propostas LIC.

“Máis aló do desleixo de funcións da Xunta do PP nestes doce anos en materia ambiental, constatamos o incumprimento flagrante das súas obrigas, desoíndo a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 feita pola Unión Europea en 2011 na que se solicitaba a declaración LIC da serra de Groba e o Monte da Valga”, manifestou Gómez Reino.

Por último, sinalar que pese o inmenso potencial verde, Galicia é unha das CCAA con menor superficie forestal protexida, cun exiguo 15% fronte ao 41% da media estatal. Un dato que deixa ben ás claras cal é a prioridade da Xunta do PP.

“A política ambiental da Xunta de Feijóo é idéntica desde o 2009: incumprir a normativa europea, estatal e autonómica de protección ambiental e regalar a explotación do noso patrimonio a grandes multinacionais da enerxía sexa co vento, minas, rías e mesmo o noso monte”, denuncia Gómez Reino.
“É intolerable e traballamos arreo para impedirllo ampliando e facendo cumprir as proteccións ambientais. Non imos permitir que Feijóo faga de Galicia unha fábrica da enerxía para enriquecer aos amigos a costa de recortar o noso patrimonio ambiental” remata Gómez Reino.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.