Gonzalo Caballero.  «Feijóo que diga con claridade se o PP está disposto a apoiar un novo estado de alarma se as autoridades así o recomendasen”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, pechando así unha rolda de contactos cos tres reitores das universidades públicas galegas.

“É importante que a Xunta asuma a necesidade de incrementar o financiamento estrutural do sistema universitario público galego para o período 2022-2026”, revindicou o máximo dirixente das e dos socialistas galegos, ao tempo que trasladou a necesidade de “traballar por máis contratos estables para investigadores e profesorado” cando os cadros de persoal das nosas universidades están “extremadamente envellecidos”.

Consciente da importancia de rexuvenecer as plantillas docentes e investigadoras para “atraer novos coñecementos, técnicas e modelos nos diferentes ámbitos de coñecemento” das universidades públicas galegas, incidiu na necesidade de mellorar as posibilidades e condicións de contratación do persoal investigador.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero reafirmou o “compromiso do PSdeG coa universidade pública”, xusto “no momento no que a Xunta está abrindo a porta a diferentes universidades privadas”. “É hora de priorizar o sistema universitario público galego e de evitar que calquera universidade privada poida duplicar títulos xa existentes”, subliñou, á vista das “disfuncionalidades” que iso implicaría.

En canto aos fondos europeos Next Generation, o líder das e dos socialistas galegos trasladou ao reitor da UDC o apoio do partido para “todos os proxectos prioritarios que teñan o aval das universidades públicas galegas e, especificamente, da Universidade da Coruña”, como por exemplo o relativo á Cidade das TIC. Así, destacou que os Next Genaration supoñen “unha posibilidade importante tamén para o coñecemento e a investigación” no noso país.

A DESESCALADA

Noutra orde de cousas, Gonzalo Caballero puxo en valor o proceso de vacinación como “a mellor garantía contra o virus” e enxalzou as máximas do PSdeG: “sanidade pública, sanidade pública, sanidade pública; e vacinación, vacinación e vacinación”.

Nesta liña, incidiu na importancia de “evitar unha cuarta onda da covid” e pediu a Feijóo que “deixe de tensionar” cando “é hora de facer a mellor política”. “O goberno de Feijóo debe sentarse no Consello Interterritorial e cooperar co goberno de España na desescalada”, sentenciou.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero puxo en valor o estado de alarma como un “instrumento moi importante” á hora de traballar na contención da pandemia e pediulle ao presidente da Xunta que “diga con claridade se o PP está disposto a apoiar un novo estado de alarma se as autoridades así o recomendan”.

“Feijóo errou en outono cando dicía que o estado de alarma ía ser demoledor e se opuxo de forma radical contra el”, sinalou o secretario xeral das e dos socialistas galegos, quen lembrou que o PP votou no Congreso en contra do estado de alarma en varias ocasións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.