Inés Rey anuncia a reforma integral da praza Padre Rubinos

Os traballos, que contan cun orzamento de 266.524 euros, servirán para incrementar a superficie e garantirlle a accesibilidade a toda a veciñanza

O Concello da Coruña comezou esta semana os traballos da remodelación integral da praza Padre Rubinos, nos Mallos, coa que incrementará a súa superficie en preto de 250 m². Este espazo, partido en dous pola rolda de Outeiro, agarda desde hai anos unha profunda reforma como a que se levou a cabo no parque localizado ao outro lado da estrada.

A alcaldesa, Inés Rey, indicou que, con este proxecto “o Goberno local responde a unha vella demanda veciñal”, xa que o deseño mellora de forma notable a accesibilidade e a circulación peonil. “Queremos recuperar un espazo que debe ser para a veciñanza, a través dun proxecto que cambiará por completo a praza”, sinalou Rey.

Coa eliminación da vía situada ao este, conséguese aumentar o espazo da praza e xérase unha plataforma única que consolida a propia praza e contribúe a incentivar a actividade económica na súa contorna. “Gañamos espazo para o goce da cidadanía e melloramos a súa calidade de vida potenciando as políticas ambientais”, apunta a rexedora.

A alcaldesa asegura que a intención do Goberno local é que todos os barrios conten con espazos urbanos de calidade, onde as verdadeiras protagonistas sexan as persoas. Estas actuacións, explica, forman parte do plan municipal para rehabilitar os barrios, crear novos espazos tanto para o uso deportivo como para o uso lúdico e garantir a accesibilidade da veciñanza.

O proxecto, explica a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, persegue un cambio integral da praza, con intervencións en toda a súa estrutura enfocadas desde o prisma da ecoloxía urbana, plantación de árbores e novas instalacións e equipamento. “Buscouse un equilibrio estético e funcional de forma que se potencie o uso da praza, en harmonía cos valores ecolóxicos; nese sentido, propúxose un deseño con distintas árbores de forte impacto visual”, dixo a concelleira.

O conxunto da praza, zona axardinada e zona peonil, constará de 1.000 m². A superficie total da praza incrementarase en preto de 250 m². E, ademais da zona de árbores e xardín, que contará con rega automática, renovarase a iluminación e o mobiliario urbano. Preto de 45 m² serán ocupados por bancos feitos de formigón, mentres que unha superficie de 12 m² acollerá unha serie de bancos de madeira e aceiro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.