Jorquera: “O complexo deportivo de Castrillón corre o risco de se converter na versión coruñesa do aeroporto de Castellón”

O BNG leva o asunto ao Pleno a lle preguntar ao Goberno Local cando pensa impulsar o modificativo de crédito preciso para que EMVSA, previa ampliación de capital, se poda facer cargo da xestión directa do complexo

Castellón alcanzou sona por ter un aeroporto sen avións. Pois ben, A Coruña ten algo semellante: un complexo deportivo, o do Castrillón, construído hai 4 anos e que alberga na súa planta baixa un supermercado. Un Complexo Deportivo que permanece fechado ao público, sen ter aínda rematadas as súas instalacións, sen ter sido dotado de persoal nin de equipamento necesario.

Así o denuncia o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera. “En Castellón fíxose un aeroporto sen avións, aquí un Complexo Deportivo sen deportistas nen persoas aboadas”.

“A razón? A ineficacia do Goberno Local. No seu día, encargou a EMVSA un estudo sobre a fórmula máis idónea de xestionar o centro. A conclusión do estudo é que o modelo máis eficiente e acaído sería a xestión directa por parte da propia EMVSA. Perfecto. Mais para iso era e é precisa unha ampliación de capital desa empresa municipal”, advirte Jorquera.

A ampliación de capital non se concretou aínda porque o Goberno Local, pese a ser coñecedor desta circunstancia, non ten feito os trámites para levar a Pleno un modificativo de crédito que permita á Empresa Municipal de Vivenda Servizos e Actividades dispor do financiamento preciso para se facer coa xestión deste complexo deportivo.

“Estamos”, analiza Jorquera, “ante máis unha consecuencia dunha decisión errónea do Goberno Local, a de no seu día ter prorrogado os orzamentos do Concello, decisión errónea que se viu amplificada por non ter impulsado as modificacións nos orzamentos precisas para atender as necesidades desta cidade”.

É por todo isto que o portavoz do BNG inquirirá o Goberno Local no pleno do vindeiro 6M sobre esta cuestión. “Cal é a razón polo que o Goberno Municipal non iniciou aínda os pasos para proceder á ampliación de capital de EMVSA, imprescindíbel para a apertura do complexo deportivo do Castrillón”, reza o texto da pregunta.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.