Lugo avanza na transformación da Ronda da Muralla entre as rúas Santiago e Vilalba

“Renovarase a estética da Porta de Santiago, onde se xuntan os tres patrimonios da humanidade de Lugo”, explicou Rubén Arroxo

O Tenente de Alcalde de Lugo e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou dos avances realizados no proxecto de transformación da Ronda da Muralla, no percorrido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba. “Trátase dunha zona situada a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento na que realizamos unha intervención temporal no 2020, anulando un carril de circulación ao tráfico rodado, aumentando o espazo peonil arredor do monumento”, declarou Rubén Arroxo.

A área de Mobilidade vén de recibir a aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio o que, segundo Rubén Arroxo “permitirá avanzar no procedemento de contratación desta actuación”. A transformación deste treito da Ronda sairá a licitación cun orzamento base de 575.990,77€, e un prazo de realización de 6 meses. “Unha vez rematen esta actuación e a peonalización do treito da Mosqueira, a veciñanza de Lugo contará coa totalidade da zona sur da Muralla humanizada”, explicou o edil nacionalista.

Segundo Rubén Arroxo, “a mellora deste treito permitirá transformar o entorno da Ronda da Muralla, non só aumentando o espazo peonil, senón renovando a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos”. Ademais, o Tenente de Alcalde explicou que “o proxecto que se levará adiante permitirá ampliar a actuación no futuro, cando se avance na peonalización total da Ronda da Muralla”.

O alumeado deste treito consistirá en 9 luminarias LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás

En canto á circulación do tráfico, Rubén Arroxo avanzou que “os vehículos  contarán con maior fluidez, xa que se modificará o cruce da Ronda da Muralla coa rúa Santiago”. O cruce pasará de ter o actual semáforo de 3 tempos a contar con preferencia no tráfico que circule pola Ronda, tendo un Ceda o Paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.