Medio Rural acondiciona varios camiños en Portomarín

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou as obras executadas nas pistas a Pardellas e O Vilar, e anunciou o arranxo da que conecta Cabanas e San Xulián

A Xunta de Galicia inviste 129.000 euros no acondicionamento de tres camiños do municipio de Portomarín, os que dan acceso a Pardellas e O Vilar, xa reformados, e o que conecta Cabanas e San Xulián, que se executará proximamente. En total, suman 3,4 quilómetros de pistas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as actuacións rematadas en compañía do alcalde, Juan Serrano, entre outros, e explicou que corresponden a senllos programas que xestiona a Consellería do Medio Rural para manter en bo estado as infraestruturas viarias “con fin de facilitar a mobilidade e as condicións de traballo no rural galego”.

En concreto, investíronse 48.200 do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) no arranxo de 1  quilómetro de pista no acceso a Pardellas. Pola súa banda, o Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas posibilitou a reforma do acceso ao Vilar, de 915 metros de lonxitude, e prevé a mellora de 1,5 quilómetros no camiño entre Cabanas e San Xulián nos vindeiros meses (convocatoria de 2021-2022).

Todas as vías contan cun ancho entre 3 e 4 metros, e os traballos que se realizan consisten na regularización do firme e a posterior extensión e compactación dunha capa de cinco centímetros de espesor de mistura asfáltica en quente. Tamén se procede á limpeza das cunetas para mellorar a drenaxe lonxitudinal da vía.

Arias lembrou que o PIR e os plans Marco actualmente en vigor suman un investimento de 7.442.700 euros na provincia de Lugo. Polo que respecta ao segundo, participan todos os concellos da provincia; estase rematando co proceso de execución e xustificación das obras comprometidas na edición 2020-2021 e iniciando as novas contratacións.

En canto ao PIR, contempla doce actuacións que benefician a 15 municipios lucenses, todas elas xa contratadas e varias delas mesmo en execución.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.