Mesmo machismo. Por @DulceCorcu

O fútbol feminino é unha realidade, pero non se pode obviar que vive solapado polo masculino, acaparador da atención mediática, dos grandes emolumentos e da visibilidade a calquera prezo e hora do día. As xogadoras reivindican unha igualdade que aínda é quimérica, mentres xeran novas relacionados coa súa profesión, pero que despertan actitudes sexistas porque elas, claro, son mulleres e como tales obxecto de desexo e máquinas de satisfacción sexual.

Acaba de comprobalo -seguro que non por primeira vez- Misa Rodríguez, porteira do Real Madrid que, ao descanso do partido dos seus colegas masculinos que ían vencendo nunha importante eliminatoria, sube unha foto propia e outra dun dos goleadores da noite, Marco Asensio, con só unha mensaxe: mesma paixón. É doado entender o que pretende, transmitir que como compañeiros de clube, nada os diferencia na cancha no momento de celebrar unha boa actuación co equipo dos seus amores. Pois pese a esa sinxeleza e a unhas imaxes emotivas que representan o mellor do fútbol, houbo quen só puido ver a unha xogadora ansiosa por deitarse co xogador, por practicarlle sexo oral ou os que insuaron que compartían orientación sexual. Apenas unha pequena mostra dos comentarios que obtivo na publicación que, finalmente, acabou por borrar. Unha simple publicación deportiva que indica o grao de enfermidade da que adoece este país, da falta de educación e de respecto. Do intento de facer chanza dunha muller sempre baseándose na sexualidade, no disposta que está para o acto porque a ver senón para que pon unha foto dun home a carón da dela. Nas mensaxes recibidas, non faltaban as do machista condescendiente que aludía ao físico da xogadora, indicándolle que non era o apto para aspirar a un xogador tan ben parecido. Porque por suposto, as mulleres sempre teñen que ser auténticas belezas para dar a talla, fagan o que fagan ou teñan a profesión que teñan. Non se permite ser fea para que ningún home quede decepcionado. Tampouco é que eles nazan con esas esixencias, é só o alimento que reciben cada día dos medios, do entorno e incluso nas familias, perpetuando roles e desigualdades que acaban sendo vomitados nunha inocua publicación dunha xogadora de fútbol, que nos horroriza pero que mañá estará esquecida porque o resultado sempre acaba sendo o de sempre: non facer nada.
Si, levantouse unha onda de solidariedade coa xogadora, preciosos mensaxes emulando ó seu orixinal, desde moitos clubes tanto estatais como estranxeiros, e tamén por parte de xogadores nas súas contas particulares. Pero iso non abonda nin cambiará gran cousa, porque o compromiso ten que ser de base, na orixe, na educación que non fala de diversidade, nin de igualdade nin profundiza en aspectos que poden molestar ao clero ou á ultradereita española, máis propensos non a que todo sega igual, senón a que retroceda. E cada día van gañando terreo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.