O BNG comprométese coa AVV de Palavea a levar a Pleno a moción sobre as vivendas da Sareb

A formación nacionalista formulará tamén unha iniciativa no Congreso tendo en conta que a Sareb é unha sociedade participada polo Estado

O grupo municipal do BNG comprometeuse hoxe coa Asociación de Veciños “Os nosos lares” de Palavea, coa que mantivo unha reunión en María Pita, a levar a pleno unha moción para o Goberno Local negociar coa Sareb a cesión dos 52 pisos que esta entidade decidiu sacar a poxa pública.

Os pisos, unha vez transferidos ao patrimonio municipal, terían de engrosar o parque municipal de vivendas.

En realidade, esta iniciativa pretende dar cumprimento a unha moción, tamén da autoría do BNG, xa aprobada polo Pleno do Concello en xullo de 2020 e por unanimidade.

“Nesa moción xa instabamos o Goberno Local a que establecese negociacións coa Sareb. Que nos conste non o fixo. A moción está por tanto viva e ten de ser cumprida. É por iso que nos comprometemos coa Asociación de Veciños a volver colocar esta cuestión no Pleno. Non é posíbel asistir agora de brazos cruzados á posta no mercado libre destas vivendas que claramente teñen que ter un uso social. Non é lóxico que se especule con elas”, afirma o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera.

O BNG vai elevar tamén o asunto ao Congreso, anunciou o voceiro do Bloque, dado que a Sareb é unha sociedade participada tamén polo capital público estatal (o FROB ten o 45% da entidade).

“Sempre defendemos que o parque de moradas da Sareb tiña que ir destinado a promocións públicas co fin de efectivamente garantir o dereito das e dos cidadáns a accederen a vivendas dignas a prezos razoábeis e a non seren vítimas da especulación inmobiliaria”, defende Jorquera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.