O BNG critica que o Goberno local “aínda non dese esclarecido de que recursos se vai dispor para o PRESCO 2021”

“Celebramos que o Goberno Local anunciase que vai estudar a subscrición dun préstamo, recollendo unha proposta do BNG”

A Comisión de Economía e Facenda volveuse reunir este venres, após o encontro do pasado luns, para contrastar as distintas propostas con vistas a elaborar un novo Presco.

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, critica que o Goberno Local aínda non dese esclarecido que recursos pode mobilizar para financiar o Presco 2021 e para ampliar os convenios coas entidades sociais, deportivas e culturais da cidade.

“É inadmisíbel a lentitude coa que está a xestionar este asunto o Goberno Local. Estamos a mediados de abril e aínda non sabemos que fondos podemos aplicar ao novo Presco. Só coñecemos a cantidade dos remanentes, 3,6 millóns de euros, mais é obvio que se trata dunha suma moi pequena e insuficiente”, di Jorquera.

O que si anunciou na reunión o Goberno Local é que está a estudar a subscrición dun préstamo. “Celebrámolo, entre outras cousas porque se recolle unha proposta do BNG. Neste momento é absolutamente prioritario pór por diante as demandas dos sectores máis atinxidos pola crise e a necesidade de reactivar a economía local fronte a consideracións relativas ao equilibrio financeiro do Concello, que, por outra banda, non está en absoluto ameazado”.

Alén de propor a subscrición dun préstamo, o BNG defende que se reasignen partidas orzamentarias para tirar recursos daqueles capítulos que, dadas as condicións da pandemia, poden ficar adiados para futuros exercicios.

“Urximos mais unha vez ao Goberno Local que se poña definitivamente as pilas para sacar adiante canto antes o novo Presco e se completen os convenios nominativos coas entidades”, concluíu Jorquera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.