O BNG rexistra unha batería de iniciativas no Parlamento para instar a Xunta a frear a deslocalización a Madrid do centro de operacións de Naturgy da Coruña

O grupo parlamentar do BNG rexistrou unha batería de iniciativas –preguntas orais para a súa resposta en Comisión e no Pleno e máis unha pregunta escrita- de modo a instar a Xunta a que free a deslocalización a Madrid do Centro de Operacións de Naturgy da Coruña

A primeira das iniciativas –a pregunta oral- vaise substanciar o próximo mércores 7 de abril, na Comisión de Industria (a partir das 16 horas) e vaina formular a deputada Noa Presas, responsábel desta materia no grupo parlamentar nacionalista.

Para a formación nacionalista, a pretensión de Naturgy de deslocalizar a Madrid o seu centro de operacións da Coruña é unha nova mostra “dun modelo enerxético deseñado de costas aos intereses galegos, baixo un prisma centralista e sen unha participación e control público do sector, privatizado ao longo dos anos e controlado por grandes oligopolios”.

Critica o BNG que perante a desindustrialización da nosa cidade e comarca a actitude da Xunta é a de se pór de perfil. “Desde comezos de febreiro non se deu, até o momento, ningunha iniciativa firme por parte do goberno galego”, denuncia, ao tempo que a formación nacionalista alega que os únicos movementos foron “dúas reunións cos traballadores (e non por iniciativa da Xunta”), esclarece.

Subliña o BNG que “neste momento no que moitas das empresas eléctricas están a reorientar as súas tecnoloxías de produción e a obter novas cotas de mercado, por exemplo no ámbito eólico, non é aceptábel que os postos de traballo asociados non se manteñan na Galiza”, polo que urxe a Xunta a que se mova politicamente para impedir unha nova perda de tecido industrial no país.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.