O CAAN de Pontevedra supera as 200 adopcións de animais no que vai de ano

A pasada semana saíu do centro cara ao seu novo fogar “Cástor”, outro dos cans máis veteranos do Centro de Acollida de Animais, onde levaba desde setembro do 2019

Se o ano pasado foi de récord no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra, en pouco máis de 3 meses este 2021 vai camiño de superalo. Xa son 210 as adopcións de cans e cadelas acadadas desde as instalacións da Armenteira desde o 1 de xaneiro, unha das últimas  a de “Cástor”, un dos animais que máis tempo levaba no centro, concretamente desde o ano 2019. O can, que fora recollido na Cañiza en setembro dese ano, ten na actualidade nove anos de idade e desfruta xa do seu novo fogar en Ourense.

As cifras do CAAN superan amplamente ás do pasado 2020, en que no mesmo período producíronse 85 adopcións, aínda que hai que ter en conta que coa declaración do estado de alarma no 2020 suspendéranse os procesos a partir do 13 de marzo e ata o mes de maio. Malia esta circunstancia, o pasado ano rexistráronse ata decembro un total de 583 adopcións, a cifra anual máis alta desde a apertura do centro.

Dos 210 animais que saíron do CAAN desde o pasado 1 de xaneiro do 2021, só un dos cans viaxou ao estranxeiro, concretamente a Portugal. En Galicia tramitáronse un total de 168 adopcións, a maioría (143) na provincia de Pontevedra, mentres que o resto repartíronse polas comunidades autónomas de Castela e León (28), Madrid (5), País Vasco (3), Cataluña (3), Castela A Mancha (1) e Estremadura (1).

No caso da provincia pontevedresa, Vigo é ata agora o concello con maior número de procesos de adopción tramitados, un total de 24, seguido da Estrada, con 19, e Pontevedra, con 18. Hai que destacar tamén os datos de Poio e Meis, con 8 adopcións en cada un destes concellos, así como as 7 acadadas en Vilagarcía ou as 6 de Cambados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.