O catedrático de Computación da UDC, Alejandro Pazos, participa no debate “Big Data e Intelixencia Artificial: son os meus datos o novo petróleo?”

Este debate forma parte do ciclo “Intelixencia Artificial, ética e participación cidadá“, organizado polo Centro de Visión por Computador de Cataluña

O catedrático de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Alejandro Pazos, participa mañá mércores, 28 de abril, ás 18:00 horas no debate “Big Data e Intelixencia Artificial: son os meus datos o novo petróleo?” organizado polo Centro de Visión por Computador (CVC), da Universitat Autònoma de Barcelona e a Generalitat de Catalunya, e a Fundación “la Caixa”.

O debate, moderado por Carlos Sierra, director de Comunicación e Márketing do CVC, contará ademais coa presenza de Petia Radeva, investigadora do CVC e catedrática da Universitat de Barcelona; Ester Manzano, directora xeral de Administración Dixital da Generalitat de Catalunya, Ignacio Chueca, principal do equipo de consultoría IQVIA, e Sergio Miralles, abogado en Intangibles Legal.

O diálogo será presencial no Palau Macaya, e retransmitirase en directo a través das canles da páxina web: http://www.cvc.uab.es/.

Cada vez hai máis interese por conseguir a maior cantidade de datos posibles dos individuos e a cidadanía no seu conxunto. Ata hai poucos anos destes datos podíase extraer pouca información, pero coa expansión da Intelixencia Artificial é posible obter máis coñecementos cada día e máis refinados. É por iso que cada vez cobra máis sentido a afirmación “cando un servizo ou produto é gratuíto, é que o produto es ti”. Empresas como Google, Facebook, Netflix, Spotify e un longo etcétera poden chegar a coñecer ao usuario mellor que el mesmo e orientar as súas estratexias de márketing para obter un maior beneficio económico a cambio de dar un servizo máis personalizado. Pero a cambio de renunciar á intimidade. Por isto, consideran desde a organización do debate, faise necesario debater sobre as amplas oportunidades e os retos que supón incorporar a Intelixencia Artificial á análise de datos de alta calidade.

Segundo explica o profesor Pazos, “para aplicar de forma eficiente as ferramentas de Intelixencia Artificial en contornas ‘Big Data’ e poder extraer novo coñecemento é necesario que os datos, informacións e coñecementos (DEC) do ‘Big Data’ sexan de calidade”. “Moitas veces atopámonos en lugar dunha contorna ‘Big Data’ unha contorna ‘Big  Bad Data’ onde os DEC van ser de moi mala calidade, ben sexa porque no mundo real o ruído está case sempre presente, ben porque os DEC poden estar afectados polo que se coñece como a maldición da cuádrupla I; isto é: Incertos, Incompletos, Imprecisos ou Inconsistentes. De datos, informacións e coñecementos ‘malos’ non imos poder extraer novos coñecementos ‘bos’”, adianta o investigador coruñés do que será o seu relatorio de mañá. “Ademais, é necesario diferenciar entre Dato, Información e Coñecemento, para darlle a cada un o tratamento que lle corresponde. E sempre será necesario depurar os DEC do ‘Big Data’ elaborando un Datawherehouse sobre o que aplicar as ferramentas de Intelixencia Artificial (Machine  Learning,  Deep  Learning, Algoritmos Xenéticos, etc) para obter ese valioso material que é o novo coñecemento”, resume.

Este debate forma parte do ciclo Intelixencia Artificial, ética e participación cidadá, un proxecto de ciencia cidadá organizado polo Centro de Visión por Computador, coa colaboración do Observatorio Social da Fundación ”la Caixa”.

Alejandro Pazos

Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Enxeñería do Coñecemento pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e Doutor en Enxeñaría Informática pola UPM e Doutor en Medicina pola Universidade Complutense de Madrid, Alejandro Pazos é Catedrático na área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na UDC e director do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información. É investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.