O deputado provincial Blas García estuda xunto con representantes de AGAXECCA medidas para adaptar as subvencións de promoción económica ás demandas actuais

A entidade solicitoulle ao deputado cambios no criterio de adxudicacións, nas posibilidades de subvencionar persoal e nos prazos de resolución de ditas axudas

O deputado de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García, reuniuse con representantes da Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos (AGAXECCA) para analizar posibles melloras nas subvencións provinciais destinadas ao ámbito comercial e empresarial.

No encontro participaron o presidente de AGAXECCA, Yonathan Carreira; o vicepresidente desta entidade e xerente de Asociación Boirense de Empresarios (ABE) e do CCA de Boiro, Tomás Estévez; o secretario de AGAXECCA e xerente de Compostela Monumental, José Ángel Blanco; e o vogal de AGAXECCA e xerente do CCA de Arteixo, Emiliano Cossini.

Os representantes de ditas entidades solicitáronlle ao deputado provincial, Blas García, a modificación de certos aspectos que rexen na actualidade as subvencións de Promoción Económica, que se dirixen, entre outros colectivos, ás asociacións e federacións comerciantes, persoas empresarias e autónomas. Entre as peticións fixeron fincapé no cambio de criterio de adxudicacións, nas posibilidades de subvencionar persoal e nos prazos de resolución de ditas axudas.

“Coincido na necesidade de modificar e adaptar ao contexto actual algúns aspectos destas axudas, como xa fixemos con outras, como as destinadas ao sector agrario ou pesqueiro. O noso obxectivo é que as liñas que levaban certo tempo sen revisar sigan mellorando para chegar a toda a xente que o necesite, sobre todo nesta etapa poscovid”, sinalou o deputado de Promoción Económica, Blas García.

García adiantou no encontro que as modificacións oportunas realizaranse sempre contando coas asociacións do eido. “Convocaremos unha xuntanza de traballo, cando as condicións o permitan, á que serán chamadas as persoas que representen colectivos comerciais e empresariais que opten a estas axudas para poder analizar e debater o seu cambio”, indicou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.