O Grupo Socialista pide á Xunta que “compense economicamente aos concellos” para levar a cabo a desinfección dos parques infantís

Paloma Castro urxe a implicación do goberno galego, xa que as medidas impostas son sanitarias e o custe para os concellos “é case inasumible”

A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de pedir a Xunta que “compense economicamente aos concellos” para que poidan levar a cabo a desinfección dos parques infantís e zonas deportivas de uso público ao aire libre cando “o comité clínico que asesora ao goberno entende que é necesaria unha desinfección diaria”. Fíxoo, a través da presentación dunha batería de iniciativas, no Parlamento.

“A obriga de desinfección diaria está a supoñer para os concellos un custe case inasumible”, sinalou a socialista, quen exemplificou que o Concello de Pontevedra “está a asumir un custo de 1.600 euros diarios por desinfección” só realizando este labor unha vez ao día.

Nesta liña, a vicevoceira socialista considera que “a medida máis axeitada” sería continuar co límite de aforamento, ademais da obriga da desinfección na entrada das instalacións. Así, pediu a colaboración do goberno galego co establecemento de límites de aforo e coa dotación de dispensadores de xel hidroalcólico ou solucións xabonosas no caso dos espazos para menores de 2 anos, tal e como instan as recomendacións da propia Xunta.

Con todo, Castro incidiu en que os concellos “levan asumindo dende o inicio da pandemia moitos gastos que non son da súa competencia” co fin de garantir o benestar da súa veciñanza. Malia isto, sinalou, a Xunta “está a mirar cara a outro lado, non axudando economicamente aos concellos”, o cal se viu plasmado na diminución a partida de transferencias aos mesmos nun 18% no orzamento de 2021.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.