O ránking CWUR mantén a USC entre as mellores universidades do mundo

Empregabilidade e investigación son os eidos máis sobranceiros para a institución compostelá que ocupa o posto trece na listaxe de universidades españolas contidas nesta clasificación internacional

O Center for World University Rankings (CWUR) mantén a USC entre as 500 mellores universidades do mundo ao situala na posición 467 da súa listaxe composta por 2.000 universidades a nivel internacional, logo da análise de case 20.000 institucións avaliadas e clasificadas segundo o seu desempeño académico. O rendemento investigador e a empregabilidade son os dous aspectos mellor valorados da USC, na posición décimo terceira de entre as 53 institucións españolas recollidas nesta clasificación.

A metodoloxía empregada por CWUR parte dunha serie de indicadores estruturados en catro ámbitos. Por unha banda, a calidade da educación mídese a través do número de alumnos e alumnas que obtiveron distincións académicas en relación ao tamaño da institución. Este ítem conforma o 25% da puntuación final no ránking. O número de alumnos que obtiveron postos executivos de relevancia nas máis importantes compañías do mundo é o indicador que CWUR toma en consideración á hora de abordar o nivel da empregabilidade e que ten un peso do 25% no cómputo global da clasificación. O número de membros das facultades que teñen obtido distincións académicas serve para medir a calidade dos centros cun peso do 10% no conxunto da puntuación final. Finalmente, no indicador relativo á investigación científica, CWUR analiza o número total de artigos publicados (10%), o número de artigos publicados en revistas de primeiro nivel (10%), o número de artigos publicados en revistas de gran influencia (10%), así como o número de artigos máis citados (10%). Os datos obtéñense a través dos datos subministrados polas propias universidades, así como a través de sondaxes.

O CWUR é unha organización que ofrece asesoramento sobre políticas, información estratéxica e servizos de consultaría a gobernos e universidades para mellorar os resultados educativos e de investigación. CWUR publica clasificacións universitarias globais autorizadas, recoñecidas pola súa obxectividade, transparencia e coherencia, nas que confían estudantes, académicos, xestores de universidades e gobernos de todo o mundo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.