Oleiros segue a defender ante o Ministerio as veciñas e veciños afectados pola pegada sonora

O Concello de Oleiros mantivo unha reunión con representantes da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, na que tamén participaron os concellos de Culleredo e Cambre. Na xuntanza tratáronse diversas cuestións relativas ao Plan Director do Aeroporto da Coruña, servidumes aeronáuticas, servidumes acústicas e as alegacións presentadas
Na reunión tamén se informou da creación dunha comisión para as servidumes sonoras e o Plan de Acción do aeroporto que estará formada pola Dirección Xeral de Aviación Civil, Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, AENA e tres representantes designados pola Xunta, entre os que estarán os concellos afectados pola pegada sonora. Nesta comisión informarase das propostas para o establecemento das servidumes acústicas e do Plan de Acción asociado ás servidumes.
O Ministerio recolleu en boa parte as alegacións presentadas polo Concello de Oleiros pola pegada sonora, nas que se reclamaban indemnizacións económicas no suposto de imposibilidade de construír en solo urbano e que se sufragasen os gastos de insonorización nas vivendas xa existentes. Tamén está previsto medir o ruído en diferentes puntos próximos ao aeroporto para intentar que os avións empreguen sistemas que dispoñen para reducir o son e diminuír as molestias acústicas.
Segundo informaron os representantes do Ministerio, nos vindeiros días enviarán o documento definitivo de resposta ao Concello de Oleiros.