Os alcaldes populares da provincia de Lugo reclaman diante da Deputación a renuncia de Tomé como delegado de Vías e Obras

Os alcaldes populares da provincia de Lugo , acompañados, entre outros, pola presidenta do PP de Lugo, a deputada Elena Candia, así como por deputados e senadores participaron esta mañá nunha rolda de prensa diante da Deputación, para poñer de manifesto o sectarismo co que opera o goberno provincial á hora de reparar as estradas provinciais e de ceder maquinaria aos concellos lucenses. Neste acto, os populares reclamaron unha vez máis un plan de estradas, similar ao pactado no seu día entre Elena Candia e o socialista Darío Campos para o período 2017-2019, e pediron a dimisión ou destitución de José Tomé (presidente da Deputación) como delegado de Vías e Obras.

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, deputada autonómica, indicou que coa súa presenza o partido mostra o respaldo aos concellos, acompañando aos alcaldes, os seus máximos representantes. É un respaldo, apuntou,  fronte ao agravio ao que están sendo sometidos polo goberno provincial, que desenvolve unha estratexia de clientelismo e sectarismo político

Pola súa parte, o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, manifestou: “Como voceiro do Partido Popular teño que dicir que o obxecto desta concentración de alcaldes do PP en San Marcos é o cansazo polo proceder do delegado de Vías e Obras, o señor Tomé, e queremos que sirva como chamada de atención ao equipo de goberno da Deputación”. Engadiu: “Facémolo con estes cascos coas cores da Deputación, que, por selo, son as cores de todos os concellos, aínda que por desgraza na práctica non está sendo así, porque hai discriminación”. Indicou: “Onde máis se nota é nos investimentos e nas obras; hai un sectarismo clarísimo por cores políticas, e non en función das necesidades, como debera ser”.

Castiñeira declarou: “Pedimos a dimisión ou destitución,  por parte do presidente Tomé, do delegado de Vías e Obras, o señor Tomé. Pedímolo por tres razóns: a mala xestión, que é evidente; a falta de equidade, que denunciamos, porque non se rexe por criterios técnicos e de necesidade, senón polas cores políticas; e, o máis grave, a falta de respecto aos nosos alcaldes, que reclaman o mellor para os seus veciños e teñen que escoitar do delegado de Vías e Obras  improperios que non son admisibles”

Os populares avisan de que non permitirán “que o delegado de Vías e Obras insulte aos nosos alcaldes, como aos de Carballedo e Paradela, que tiveron que escoitar de Tomé como dicía que provocan aos veciños ou que os vehículos escolares se meten nas fochancas por culpa do PP”. Castiñeira puntualizou que “os alcaldes defenden aos seus veciños e merecen o máximo respecto; non son caprichosos e os vídeos testemuñan a realidade das estradas con fochancas, a realidade que viu o PP, que se pateou a provincia, algo que debería facer o presidente da Deputación”.

Igualmente, Castiñeira pediu a Tomé que “respecte os pactos que tiña o seu antecesor, o señor Darío Campos, porque hai protocolos que se romperon como o de Xove”. Dixo tamén: “Este sectarismo non é positivo. Agora mesmo, o señor Tomé non é o adecuado para dirixir esta delegación tan importante, quizá a máis importante para manter as estradas provinciais no mellor estado posible e con boa relación cos 67 concellos da provincia”.

A súa vez, o rexedor de Friol, José Ángel Santos, en representación dos alcaldes populares, centrou a súa intervención na crítica ao uso sectario e de clientelismo político que fai o goberno da Deputación da maquinaria do Parque Móbil Provincial. Nesta liña, destacou que moitos alcaldes do PP saben que a Deputación ten maquinaria de obra, pero levan anos sen vela intervir nos seus respectivos territorios.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.