Os socialistas de Abadín denuncian que se van entregar os títulos da parcelaria de Fanoi “coas pistas sen acondicionar”

“As veciñas e veciños de Abadín sofren unha vez máis a incompetencia do Alcalde, tras comprobar o estado das pistas da concentración parcelaria de Fanoi”. Así o dixo o voceiro socialista Pablo Díaz López, que mantivo contactos cos representantes da Asociación de Veciños de Fanoi, na que lles trasladou o seu malestar pola situación na que se atopan tódolos viais desta parroquia

Díaz López advertiu ademais que este mesmo venres van a ser entregados os títulos da parcelaria de Fanoi aos seus propietarios, por parte da Conselleira de Medio Rural. “Polo tanto, non entendemos como o Alcalde non move nin un só dedo para reclamar á Xunta que acondicionen estas pistas antes de ser entregadas á veciñanza, xa que están completamente abandonadas, sen desbrozar e sen acondicionar”, criticou.

“Sabemos que dende a Asociación de Veciños trasladaron estas queixas ao Concello, pero como puidemos comprobar a dous días de entregar os títulos da parcelaria, en Fanoi non se fixo absolutamente nada. O Alcalde e todo o Goberno seguen coa súa tónica de mirar cara outro lado cada vez que aparece un problema dun veciño”, dixo.

Neste punto Pablo Díaz lembra ademais a Comisión da Concentración parcelaria na que se puxeron enriba da mesa todas estas peticións. “Pero de tódalas promesas que se fixeron por parte do Alcalde para mellorar e desbrozar estas pistas, non se cumpriu nin a primeira, todo segue abandonado”, remarcou.

Por último, o Voceiro Socialista argumentou que “Abadín merece un Goberno serio e responsable que atenda ás demandas e os problemas da veciñanza, e non títeres políticos que non escoitan aos seus veciños, por iso hoxe facémonos eco das súas peticións. Antes de entregar as parcelarias de Fanoi hai que cumprir co prometido e arranxar esta situación”, resumiu Pablo Díaz.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.