Os socialistas de Taboada demandan ao concello potenciar o turismo da vila e implicarse nos fondos next generation de emprendemento rural

“Dende a Agrupación Socialista de Taboada estamos convencidos que o noso Concello ten futuro, por iso queremos ser participes dos proxectos que se están impulsando dende tódalas administracións, para que poidan contribuír a  atopar viabilidade e de progreso na nosa vila”

O Voceiro do PSOE de Taboada, Roi Rigueira avanzou hoxe que a Agrupación Socialista defendeu dúas mocións no pleno ordinario que foron aprobadas por unanimidade. “Concretamente defendemos unha proposta para potenciar o turismo na vila, e outra iniciativa para que o noso Concello sexa candidato aos fondos europeos Next Generation de emprendemento rural”.

“Dende a Agrupación Socialista de Taboada estamos convencidos que o noso Concello ten futuro, por iso queremos ser participes dos proxectos que se están impulsando dende tódalas administracións, para que poidan contribuír a  atopar viabilidade e de progreso na nosa vila, máxime nunha situación tan excepcional como a que estamos vivindo”, remarcou Rigueira.

 

No que se refire á moción sobre o turismo, “demandamos unha solución aos problemas existentes coa titularidade, uso e adxudicación do complexo náutico e do albergue de Ponte Mourulle, así como da súa praia fluvial. Solicitamos a limpeza e a promoción das rutas xa marcadas pola Xunta de Galicia; estudo, elaboración e marcado de rutas de sendeirismo na contorna do club náutico, así como noutras zonas do concello. Tamén un estudo da situación do Camiño Santo, e reclamación do seu paso polo noso Concello. E por último unha campaña de publicidade e potenciación dos recursos turísticos do noso concello, así como o adecentamento dos miradoiros xa existentes, así como a creación doutros, integrándoos na rede de miradoiros da Ribeira Sacra”.

O Voceiro sinala que “a moción foi aprobada por unanimidade, e resúltanos moi curioso que xusto ao día seguinte da celebración do pleno o Concello anuncie obras e melloras nos accesos ao Penedo do Cuco, construción dun miradoiro, así como o equipamento para o Clube Náutico. Por iso, insistimos, vamos a seguir pelexando para colocar o noso Concello onde lle corresponde”, dixo.

Next Generation

Sobre a moción dos fondos europeos Next Generation que teñen como obxectivo a reactivación da economía post pandemia, e están destinados a potenciar o rural e a promocionar novas alternativas económicas e empresariais que permitan a fixación de poboación e a creación de emprego no rural . “Instamos ao Concello a presentar ante a Xunta de Galicia a candidatura de Taboada para ser un dos 12 centros de emprendemento rural. Queremos vivir e traballar no rural, e por iso que queremos instar a cantas institucións sexan necesarias para atopar financiamento para proxectos de futuro na nosa vila, por iso xa anunciamos que estaremos vixiantes”, argumentou.

Rogos e preguntas

No transcurso da sesión plenaria aprobouse, só cos votos a favor do equipo de goberno, o expediente de Inventario de Camiños Municipais do Concello. Dende a Agrupación Socialista de Taboada tamén reclamamos o arranxo dunha pista que baixa ás ribeiras na parroquia de Xián, “por atoparse en tan lamentable estado que supón un grave perigo para a xente o feito de ir aos seus viñedos”.

Interesámonos polo saída a concurso do bar da Casa de Cultura e do Clube Náutico, “informóusenos de que van saír a concurso ambas instalacións xuntas, aínda que nós cremos que para o caso particular do Clube Náutico xa se vai tarde”. Con respecto á unha moción presentada polo grupo socialista sobre a situación do edificio da antiga Cámara Agraria fai meses, “explicounos que a Xunta (propietaria do edificio) a única opción que plantexa era a compra por parte do concello, por un importe que a nós nos parece razoable, e a pagar en 10 anos. Consideramos que este edificio, actualmente en desuso e en mal estado, podería ter unha importancia capital para a realización de moitas actividades”.

Tamén se informou dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente para arranxar a Rúa Conde de Taboada (a que vai ao CPI San Tomé do Carballo), “algo que vimos reclamando nós con moita insistencia, e para o que presentamos unha moción no pasado pleno de febreiro”, sinalan.

Reunión con ACIMTA

Nesta sesión plenaria ordinaria tamén fixeron referencia a situación do parque empresarial, “é un espazo de vital importancia para o futuro desenrolo do Concello, para atraer investimento e crear emprego na nosa vila. Por iso queremos anunciar que imos traballar para que este parque empresarial teña futuro e sexa unha realidade, aínda que a súa posta en valor chega moi tarde”.

Por iso queremos avanzar que “xa mantivemos unha xuntanza de traballo con  ACIMTA (Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada), na que tamén participou a nosa Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, e que serviu para abordar diversos temas que contribuirán a mellorar o desenrolo comercial e industrial do concello de Taboada”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.