Presentada unha publicación divulgativa sobre o cabalo de Pura Raza Galega

O material, editado por Puraga, recompila datos sobre as características desta raza autóctona e sobre a importancia ambiental, cultural e económica da súa cría tradicional

A área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo colaborou na edición da publicación “O cabalo de pura raza galega: historia e situación actual”, editada pola Asociación de Criadores de Pura Raza Galega (Puraga).

Trátase dunha publicación divulgativa que recompila información sobre as características xenealóxicas da raza,  a evolución da poboación en Galicia, a súa influencia na conservación da biodiversidade e da paisaxe cultural, o léxico asociado á tradición cabalar ou un calendario cos principais curros, rapas e feiras que se celebran no país arredor destes animais.   O material distribuirase en eventos, feiras, carnicerías e outros espazos comerciais para facilitar ás persoas consumidoras unha información completa e rigorosa sobre a orixe do produto.

A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, sinalou que “se trata dun material informativo que permite achegarse dunha maneira rápida a importancia medioambiental, cultural e económica da actividade que desenvolven os gandeiros e gandeiras de cabalo de Pura Raza Galega, boa parte deles concentrados arredor do Xistral”.

A publicación, presentada no concello de Muras onde Puraga ten a súa orixe, constata que o cabalo de Pura Raza Galega “mantén unha poboación estable ou lixeiramente tendente á alza, rondando entre os 1.500 e os 1.700 exemplares, a maior parte deles, femias” e engade que “a conservación da poboación débese a unha maior profesionalización das explotacións onde se localizan”.

Tamén sinala as principais ameazas desta raza autóctona como “o cruce con razas de maior condición cárnica, a falta de acondicionamento das comunidades de montes, a apertura de pistas e estradas por áreas tradicionais de pastos ou a intensificación da carga gandeira por parte da administración”, ademais do progresivo “despoboamento e envellecemento do mundo rural”.

Apoio ao sector agroalimentario fronte á Covid 19

A edición deste material divulgativo enmárcase no convenio asinado entre a área de Medio Rural e Puraga para desenvolver diferentes iniciativas orientadas á promoción e valoración desta raza autóctona, dos gandeiros e gandeiras que manteñen o  sistema de cría tradicional en semiliberdade e dos produtos derivados. Así, a área dirixida por Mónica Freire tamén colaborou na organización de degustacións e campañas de promoción de carne fresca e embutidos orientadas a facilitar a súa comercialización.

A área de Medio Rural destinou máis de 5.000 euros a este convenio de colaboración con Puraga, que se sumou aos asinados con outras con asociacións e entidades do ámbito agroalimentario para apoiar a comercialización dos seus produtos e paliar a incidencia que a situación sanitaria tivo nas vendas, especialmente nas orientadas á restauración. Nos últimos meses asináronse convenios con Ovica para o impulso da marca “Pastores de Galicia”, con Asoporcel ou coa Federación de Razas Autóctonas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.