‘Saborea a túa provincia’, o novo programa da Deputación para reactivar a hostalería e o turismo

A Xunta de Goberno aprobou a posta en marcha desta medida recollida no Plan de Impulso da Economía da Provincia, dotado con 7M€ e co que a institución provincial contribúe a paliar o impacto da pandemia con accións de apoio, promoción e incentivo do consumo dos sectores máis afectados polas restricións sanitarias

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o programa Saborea a túa provincia, unha das medida recollidas no Plan de Impulso da Economía que impulsa a institución provincial cun investimento de 7M€, practicamente o 8% do seu orzamento, para contribuír a paliar o impacto da pandemia con accións de apoio, promoción e incentivo do consumo dos sectores máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio.

Así o informou hoxe o Presidente, José Tomé Roca, que compareceu acompañado da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. Tomé Roca explicou que o programa Saborea a túa provincia ten como obxectivo “promocionar e incentivar o consumo dos produtos de calidade da provincia de Lugo e, desta forma, contribuír a apoiar e a reactivar a actividade da hostalería, do turismo e do pequeno comercio da nosa provincia”.

Para elo, organizaranse xornadas gastronómicas e lúdicas por toda a provincia, cada fin de semana, na que cociñeiros e cociñeiras lucenses colaborarán con establecementos locais para ofrecer pratos con produtos típicos de cada zona. Ademais, haberá actividades para todos os públicos.

Sempre que as condicións sanitarias o permitan, o programa Saborea a túa Provincia desenvolverase no mes de agosto, durante o que terán lugar 9 xornadas gastronómicas e lúdicas noutros tantos puntos diferentes de toda a provincia, alternando zonas de costa e de interior.

Cada unha das xornadas de Saborea a túa provincia contarán con catro espazos diferenciados: un para concertos, charlas e conferencias; demostracións culinarias, escaparate de promoción de produtos e degustación.

Entre os obxectivos do programa, subliñou o Presidente, está “contribuír á recuperación da hostalería e do turismo; favorecer a reconstrución do tecido empresarial; dar visibilidade aos diferentes destinos turísticos; sensibilizar sobre o potencial turístico dos 67 concellos da provincia; e  dar confianza aos visitantes”.

Lugo Termal

A Xunta de Goberno aprobou a licitación da execución do programa Lugo Termal, outra das medidas recollidas no Plan de Impulso da Economía da Provincia e que a Deputación de Lugo decidiu ampliar este ano co obxectivo de aumentar o seu beneficio directo nos balnearios da provincia –en Lugo, Pambre e Pantón-. Asi, o rango de idade das persoas que poderán gozar destes bonos será maior este ano, de modo que poidan facelo veciños e veciñas da provincia a partir dos 50 anos, e cun acompañante que non teña necesariamente esa idade.

Lugo Termal está dirixido a favorecer o benestar social e a dinamizar a economía ofrecendo descontos aos veciños e veciñas para facilitarlles o acceso ós balnearios e recibir terapias mineiromedinais. O programa que ten un orzamento de 60.500€ e o contrato é por un ano, con posibilidade de dúas prórrogas anuais máis, o que “dá estabilidade e previsión ó sector porque sabe que nos vindeiros anos vai ter este apoio por parte da Deputación de Lugo”, destacou o Presidente.

Casa da Botica

Na Xunta de Goberno tamén se aprobou a resolución por mutuo acordo do contrato para a execución das obras de construción do Centro de Atención a Maiores de Guitiriz na Casa da Botica. A resolución, proposta pola Deputación, estivo motivada polas dificultades que estaba tendo a empresa para acometer o proxecto, e non implica ningunha nova carga económica para a institución provincial.

As inclemencias do tempo este inverno afectaron á Casa da Botica e foi necesario o derribo do edificio, “o que fai imprescindible a redacción dun modificado do proxecto para redefinir a fachada e os muros, que colapsaron e que non se poden conservar”, explicou o mandatario provincial. O Presidente explicou que o modificado realizarase nun período curto de tempo e, unha vez redactado, volverase a licitar para que sexan acometidas as obras por outra empresa co obxectivo de garantir a execución íntegra do proxecto.

“O meu compromiso, claro e inequívoco co Concello e cos veciños e veciñas de Guitiriz  é facer a residencia de maiores de Guitiriz e que estea rematada no ano 2022 e, en todo caso, antes de que finalice este mandato, en maio do 2023”, recalcou José Tomé.

Centro de Maiores de Pedrafita

Na Xunta de Goberno saíu adiante a aceptación do edificio destinado a albergar a residencia de Pedrafita do Cebreiro, un novo paso administrativo de cara á apertura da residencia, prevista para esta primavera. Como resultado do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Lugo e o Concello de Pedrafita para a creación da residencia, o Pleno deste municipio acordou ceder gratuitamente á institución provincial o inmoble de titularidade municipal situado na Praza de España da localidade para albergar o centro de maiores.

A Deputación rematou o mes pasado de equipar este centro cun investimento de preto de 275.0000€.

Polígono de Cospeito

Tamén foi aprobada este venres a redacción do proxecto modificado da urbanización do parque empresarial de Cospeito, unha actuación derivada de SUPLUSA.  A modificación do proxecto non terá coste económico engadido e consiste en dotar ao polígono chairego dun acceso á estrada autonómica e a adaptación aos cambios que se produciron na normativa eléctrica.

O investimento da Deputación de Lugo nestas obras é de case 1,3M€. A día de hoxe, está executado aproximadamente o 65%, pero espérase acadar preto do 90% da execución nas vindeiras semanas.

Estrada Alfoz-Foz

A Xunta de Goberno tamén sacou adiante a adxudicación das obras de mellora da LU-P-0210, a estrada provincial que une A Seara, en Alfoz, con San Acisclo, en Foz. A empresa Isidro Hermanos Blanco Trigo SL é a adxudicataria das obras, por un importe de máis de 98.500€  e cun prazo de execución de 6 meses.

As actuación, que afectan ó tramo que vai do quilómetro 5,100 ó 5,236, consisten no ensanche e na mellora da vía, aglomerado en quente, e dotación de iluminación e beirarrúas co fin de mellorar a seguridade viaria. A Deputación inviste neste proxecto uns 130.000 euros, entre a execución das obras e a adquisición dos terreos.

Cubertas Gayoso Castro

A Xunta de Goberno aprobou tamén o encargo da Deputación á empresa pública Tragsa para a reconstrución de cubertas e o reforzo estrutural de varias edificacións da Granxa Gayoso castro por importe de 88.375,33€.

Segundo explicou o Presidente, “estas obras son necesarias logo dos danos causados polo mal tempo, que afectou ás cubertas e á estrutura dalgunhas edificacións desta finca provincial. A instalación danada estaba en uso e hai que reparala para poder seguir levando a cabo as actividades propias da Granxa con normalidade. Tanto a nivel dos edificios de oficinas como nas naves agrogandeiras. Unha actuación urxente para poder dispoñer das instalacións e evitar que se deterioren”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.