Tomé impide o acceso á Deputación a un alcalde popular que participou na protesta en San Marcos

A medida que pasan os meses, perfílase debidamente o retrato do presidente da Deputación, José Tomé, e vaise vendo a un home cuxo talante democrático é máis ben escaso, que mostra refachos de autoritarismo e machismo trasnoitados e que practica a política do comigo ou contra min. O grupo provincial do PP denuncia que a un dos seus alcaldes se lle impediu a entrada na sede da Deputación ata ter permiso do gabinete do presidente. Á vista desta actitude, o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “A Deputación de Lugo xa non é a casa de todos os alcaldes. Dicimos isto para denunciar a actitude ditatorial e vingativa do presidente, José Tomé. Falamos dun feito que o  grupo provincial do PP considera moi grave, por represalias a un alcalde por ter participado na concentración diante  de San Marcos para demandar equidade no reparto dos fondos da Deputación”.

Castiñeira explica: “A dito alcalde denegóuselle a entrada na Deputación, un feito que non se producía dende hai moitos anos, ata que tivese o permiso do gabinete  de presidencia para acceder ao edificio. É algo ilóxico e intolerable; unha cousa e ter unha entrevista co presidente e outra é acceder ao edificio de todos os alcaldes e de todos os lucenses”.

Para os populares, trátase “dun feito lamentable e un novo ataque en contra daqueles que non pensan igual que o señor Tomé”. Castiñeira cre que “con este  suceso confírmase o estado de ira e de nerviosismo no que Tomé está sumido despois da concentración que o levou a ser noticia en todo o país”. Engade: “Sabemos que este feito non só afecta aos 32 alcaldes  do Partido Popular (algún deles leva anos solicitando reunirse co presidente par falar dos problemas dos seus pobos e este non acepta). Parece ser que a ira tamén recae nalgún outro Concello, que aínda que é socialista, hai algúns membros dese concello como o señor  Álvaro Santos que mostraron o seu descontento coa actitude do señor Tomé nos últimos días e parece ser que, por este caso, o presidente colle a vara e peta na mesa contra os seus”.

É un feito polo que o grupo provincial do PP pedirá “explicacións e responsabilidades ao presidente da Deputación e esperemos que cambie a súa actitude, porque sigue sendo o presidente dos 67 concellos da provincia aínda que hai veces que non o demostra”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.