‘Toponimia de Carballo’ indaga na orixe e no significado de máis de 350 nomes de lugares do concello bergantiñán

A Real Academia Galega edita un novo número da colección divulgativa Terra Nomeada asinado polo filólogo Fernando Cabeza Quiles. Todos os volumes poden consultarse en liña na sección de publicacións de academia.gal

A voz vixoteira, emparentada co verbo vixiar ou con ver, non aparece nos dicionarios e semella ser un endemismo lingüístico propio das terras de Bergantiños. Refírese ás persoas que vixían ou vixotan os viandantes dende as fiestras das súas casas, e tamén é o nome dun lugar da parroquia de Rus, no concello de Carballo. Cóntao o filólogo Fernando Cabeza Quiles en Toponimia de Carballo, o último volume de Terra Nomeada, a colección divulgativa do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega sobre a toponimia do país, á que o autor xa contribuíra coa obra dedicada á toponimia da Estrada. O novo título indaga na orixe e no significado de máis de 350 topónimos que designan as entidades de poboación de Carballo por orde alfabética, dende Agramaior, na parroquia de Lema, ata O Zarallo, na parroquia de Sofán.

A Real Academia Galega edita Terra Nomeada en colaboración coa Asociación de Onomástica Galega e co apoio económico da Deputación da Coruña. A colección ofrece ata o momento os estudos sobre a toponimia dos concellos de Agolada, da académica correspondente Luz Méndez; Ames, de Xosé Ramón González Boullón; Trabada, de Xulia Marqués Valea; Begonte e Rábade, de Paulo Martínez Lema; e os volumes da Estrada e de Carballo de Fernándo Cabeza Quiles. Todos eles poden consultarse en liña na sección de publicacións de academia.gal.

Do adxectivo substantivado vixoteira, -o non se atopa documentación mais ca no galego bergantiñán. Segundo explica Fernando Cabeza Quiles, adoita atribuírselles ás persoas, xeralmente de idade avanzada, que axexan dende as súas fiestras os transeúntes, e que o fan con moita precaución para non seren vistas. Este significado garda clara relación coas características do lugar que a mesma palabra nomea, xa que A Vixoteira se atopa nun lugar alto dende o que se pode vixotar ou vixiar unha ampla extensión de terra do val de Rus. Por este motivo, o filólogo suxire que o topónimo pode ter un significado similar ao da Esculqueira, nome de lugares altos dende os cales se poden esculcar ou vixiar tamén panorámicas vastas.

A lingua da zona tamén deixa pegada na toponimia carballesa a través das terminacións de nomes de lugares como Barís, Bas, Betrís, O Esmorís, Esteves, que dan conta do seseo en posición final que diferencia a fala deste concello, explica o autor. De igual xeito, a toponimia amosa exemplos de como o galego falado de Carballo emprega as terminacións -án(s) tamén para o feminino (a/s miña/s irmán/s, non a/s miña/s irmá/s), un trazo expresado na toponimia carballesa nos nomes de lugar As Chans e Vilachán, que no galego de Lugo e Ourense e mais nos do leste da Coruña e Pontevedra serían As Chás e Vilachá, compara o filólogo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.