Traballadoras do SAF denuncian a súa vulnerabilidade laboral e reclaman a Xunta a vacina como colectivo de risco

Podemos Galicia abordará este sábado 17 os retos postCovid ‘Cara un sistema público de coidados’ nun acto telemático co relato de tres mulleres do sector

As traballadoras galegas do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) denuncian a súa extrema vulnerabilidade laboral na pandemia e reclaman á Xunta que as incorpore axiña ao plan de vacinación, xa que, pese ao alto risco de contaxio do seu labor, non todo o persoal foi inmunizado.

“Se algunha lección podemos extraer desta pandemia é a necesidade de reformular o actual sistema que mercantiliza a vulnerabilidade cara un sistema público de coidados; un servizo digno, de calidade, fonte de creación de emprego e que respecte os dereitos de traballadoras e de usuarias dos centros”, denuncia Verónica Hermida, responsable de Feminismos de Podemos Galicia.

“Desde Podemos Galicia queremos denunciar abertamente o maltrato ao que a Xunta do PP de Alberto Núñez Feijóo, na súa voracidade neoliberal, someteu aos coidados nesta década escura, cunha privatización feroz dos servizos de axuda no fogar que, as máis das veces, foron a parar a mans de empresas vinculadas a Clece de Florentino Pérez, e as dramáticas consecuencias que están a ter na calidade da asistencia ás persoas dependentes e na destrución de centos de empregos nun colectivo altamente feminizado como é a axuda no fogar. Aconteceu, por exemplo, en Ourense, onde foron despedidas cinco traballadoras e dúas máis en Chantada”.

“Temos constancia de casos nos que estas compañeiras son despedidas en situación de baixa médica con máis de dez anos de antigüidade no servizo e nos que a empresa aduce baixo rendemento. Despedimentos que están recorridos nos xulgados como o que son: un absoluto atropelo aos dereitos laborais”, apunta Hermida.

OS RETOS POSTCOVID, CARA UN SISTEMA PÚBLICO DE COIDADOS

“Queremos profundar na situación e nos retos PostCovid aos que nos temos que enfrontar como sociedade, en ausencia dun Goberno autonómico que teña conciencia do fundamental de contar cun sistema público de coidados, digno e reforzado para unha sociedade envellecida como a galega”.

Este sábado, 17 de abril, abordarase este desafío colectivo nun acto monográfico e telemático que se pode seguir en directo a través da canle de Youtube da formación desde as 11:00 horas e no que contarán coa participación e o testemuño de tres mulleres que coñecen ben a realidade dun colectivo altamente feminizado como o Servizo de Axuda no Fogar e que aportarán a súa experiencia e relato.

Elas son Berta Puente Vuelta, extraballadora do SAF en Ourense; Ángeles Poyán Vázquez, exempregada do SAF de Chantada e Irene Landín, traballadora da residencia Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa. Con elas, orán o foco nunha cuestión urxente sempre postergada e que o feminismo leva tempo a denunciar a berros: ‘Sen coidados non hai vida’.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *