Un proxecto de investigación de IA da UDC monitoriza o CO2 das súas aulas para garantir espazos seguros

A UDC é a primeira universidade galega e das primeiras de España en instalar medidores de dióxido de carbono

Un equipo de investigación da Universidade da Coruña traballan desde o pasado mes de novembro nun proxecto para medir o dióxido de carbono (CO2) nos seus espazos, coa instalación de medidores nas súas instalacións para monitorizar o nivel de concentración de CO2 en diferentes dependencias universitarias como aulas ou bibliotecas, coa fin de garantir espazos de estudo e traballo seguros.

O proxecto, coordinado polo Adxunto do reitor para Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, Carlos Escudero, catedrático da área de Teoría do Sinal e Comunicacións do departamento de Enxeñaría de Computadores, conta coa colaboración do Servizo de Informática e Comunicacións, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC) a través dun proxecto COVID de GAIN (CEDCOVID, Ciencia e Enxeñaría de datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade COVID-19).

A Universidade da Coruña é a primeira de Galicia, e das primeiras de España, en instalar medidores nos seus espazos, dentro dun proxecto de investigación de Intelixencia Artificial (IA) co desenvolvemento de técnicas de monitorización e modelos por parte dos propios investigadores, como unha forma tamén de experimentación que serva de exemplo ao resto da sociedade.

A Universidade instalou 60 medidores de interior (e referencias exteriores) e conta cunha infraestrutura de rede que permite rápidas redistribucións das zonas de medición en base a campañas nos diferentes campus e edificios concretos. Para este proxecto, adquiríronse medidores de CO2 de última xeración. A información proporcionada recóllese de forma centralizada para establecer patróns e poder actuar en tempo real a través de sistemas de comunicación da Internet das Cousas (IoT).

A medición de dióxido de carbono é clave para controlar a calidade do aire e a concentración de aerosois provocados pola Covid-19 en recintos pechados. En opinión dos investigadores do proxecto, e sen que haxa aínda conclusións definitivas da investigación, a medición de CO2 “é una medida que vén para quedarse”, non só polo tema relacionado coa Covid-19, senón por temas de eficiencia enerxética e tamén pola influencia do dióxido de carbono no estudo “xa que con niveis altos de CO2 a atención diminúe” polo que dificulta a concentración necesaria para estudar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.