Unidas Podemos urxe á Autoridade Portuaria de Vigo a que as instalacións da antiga Vulcano se dediquen a construcción e reparación de buques

Gómez Reino: «Hai 37 propostas dun valor total de 240 millóns de euros que devolverían o pulso industrial a Vigo. Non se entendería que non se levaran a cabo»
O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, rexistrou unha proposta no Congreso na que insta ás administracións competentes, nomeadamente a Autoridade Portuaria de Vigo, a que as instalacións da antiga Vulcano se dediquen á construcción e reparación de buques.
A iniciativa presentada valora dese xeito a sentenza do Tribunal de Conflitos Xurisdiccionais que vén de declarar que é competencia do Porto de Vigo tramitar e resolver a concesión do antigo astaleiro, anulando así o plan de liquidación polo cal a empresa Marina Meridional adquiriu as instalacións da factoría e a concesión, con data de finalización no 2027.
Antón Gómez Reino sinalou que «a empresa Marina Meridional puxo sobre a mesa 37 propostas de traballo dun valor total de 240 millóns de euros que devolverían o pulso industrial a Vigo. Por iso», engadiu, «non se entendería que a Autoridade Portuaria de Vigo siga poñendo paos nas rodas e non se levaran a cabo».
Na proposta que Unidas Podemos traslada ao Congreso ínstase tamén ao Ministerio de Industria e ao Porto de Vigo a priorizar, no caso dun novo concurso público, a concesión a empresas industriais cun plan naval para o porto, fronte a empresas intermediarias, financeiras ou loxísticas que desenvolvan outras actividades.
Así mesmo tamén se insta a iniciar conversas coa empresa concesionaria de cara a poder desenvolver o plan naval previsto «para poder así dar continuidade a uns investimentos que xerarían riqueza e emprego para a comarca nun momento de crise como o que estamos a vivir», sinalou o deputado galego.