Vilalba Aberta levará a Pleno os problemas da residencia de maiores e esixe “toda a información” á alcaldesa

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de rexistrar unha petición de comparecencia da Alcaldesa, Elba Veleiro, na súa condición de membro e representante do Concello no Padroado da Residencia de Maiores

A dación de contas, solicitada de cara ao Pleno Ordinario de Maio, posibilitará que a veciñanza poida fiscalizar o sentido do seu voto e, en consecuencia, a responsabilidade da rexedora nas decisións do padroado; así como aclarar se a residencia de maiores de Vilalba, xestionada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba (FHAV), recortou o seu persoal sanitario nos últimos meses.

En palabras do seu voceiro municipal, Modesto Renda, a solicitude de Vilalba Aberta chega logo de facerse públicas as denuncias de varios veciños/as usuarios en relación coas deficiencias na cobertura de persoal de enfermería. Así, e tal e como lembrou o edil, segundo datos da Consellería de Política Social, o centro vilalbés debería contar cun médico/a, sete enfermeiros/as e, ao menos, un/unha especialista en psicoloxía. Porén, lamentou, “segundo as denuncias das persoas usuarias, os residentes non contan con servizo de enfermería as 24 horas e iso é algo que como representantes dos vilalbeses/as temos a obriga de aclarar”.

Unha información, que para a súa compañeira e membro da asemblea de Vilalba Aberta, María Pérez é “fundamental” en aras da “necesaria transparencia” e a fin de “clarificar tamén aspectos da xestión do centro en relación coa “situación de partida e actual dos/as residentes”; novas contratacións; situación laboral do persoal, cambios nas dinámicas de organización interna etc…

Así mesmo, Vilalba Aberta reclamarán tamén da Alcaldesa toda a información ao seu dispor, ó respecto do total das inspeccións que se teñen feito no último ano e medio na residencia de persoas maiores, se nestas inspeccións se detectaron incumprimentos relacionados cos feitos denunciados e, en caso afirmativo, se se fixeron posteriores inspeccións para comprobar a súa debida corrección.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.