Xurxo Fernandes esgota as entradas para a presentación de Levaino! no Teatro Rosalía Castro

O músico e investigador galego ofrecerá este venres a partir das 20.00 horas un concerto acompañado ao vivo polas voces de Pandeireteiras sen Fronteiros e músicos de referencia da escena galega como Pedro Lamas

O músico Xurxo Fernandes presentará o venres 9 de abril ao vivo no Teatro Rosalía Castro o seu novo traballo discográfico, Levaino!. O creador de proxectos de referencia nas músicas de raíz, como Radio Cos ou Jako el Muzikante, dará a coñecer a ducia de temas que conforman este novo disco, no que o artista aúna, por vez primeira, as principais vertentes da súa creación e presenta unha sorprendente visión sobre as músicas de creación colectiva.

A cita terá lugar a partir das 20.00 horas no recinto cultural coruñés, que vén de colocar o cartel de entradas esgotadas para a ocasión. O TRC acollerá un singular espectáculo no que a cálida voz de Xurxo Fernandes convidará ao público a realizar unha suxerente viaxe entre Galicia e o Mediterráneo Oriental nunha proposta exquisita e repleta de virtuosidade. O artista acompañarase dunha potente banda de músicos de referencia da escena galega, como Pedro Lamas, Rubén Montes, Rafa Morales e Roberto Comesaña, ademais da enerxía e das voces de Pandeireteiras sen Fronteiros (PanSenFron), agrupación que tamén é protagonista do sorprendente videoclip de presentación de Levaino!, dirixido por Xaime Miranda e que suma case 50.000 reproducións en Youtube desde a súa estrea o pasado 22 de marzo.

Unha viaxe de autorrecoñecemento

Xurxo Fernandes define Levaino! como unha viaxe de autorrecoñemento: o creador propón “un xogo de espellos” dos dous Xurxos, no que se reflicten e funden as dúas realidades da súa traxectoria artística. Deste xeito, o creador explora a conexión existente entre Galicia e o Mediterráneo e procura tender pontes a través da creación popular colectiva. Así, os sons máis arcaicos unha Galicia primitiva atopan o seu contrapunto, dun xeito moi orgánico, en elementos de sonoridades orientais. A tradición oral acompáñase tamén de atractivos arranxos musicais e elementos modernos, como o baixo electrónico, teclado ou saxo.

O álbum, que estará á venda a partir deste venres 9 unicamente en tendas físicas e na nova páxina web do artista www.xurxofernandes.gal, presenta doce temas recollidos polo propio Fernandes en Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Con eles, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais. Sonoridades que, se cabe, resultan moito máis próximas do que semellan, e das que o creador dá conta nos seus perfís nas redes Instagram e Facebook.

Xurxo Fernandes

Creador e artista coruñés cunha extensa traxectoria no ámbito da etnografía e das músicas de raíz. Como intérprete é unha das voces máis singulares do panorama actual, capaz de innovar minuciosamente desde a tradición grazas ao seu vasto coñecemento da creación popular colectiva que desenvolve desde mozo.

A curiosidade leva ao creador a iniciar, en 1994, unha investigación e recollida polas aldeas de Galicia que mantén ao longo de máis de dúas décadas. Como músico e intérprete, crea e forma parte de Radio Cos, proxecto musical co que publica dous discos -Sete cuncas (2013) e Pasasatempo (2017)- e visita escenarios de Reino Unido, Francia, Polonia ou Malasia. Mais no ámbito internacional é recoñecido polo seu sorprendente proxecto Jako el Muzikante, que rescata o ambiente dos cafés amán propios dos anos vinte do século XX. Espazos nos que gregos, turcos, armenios e sefardís descendentes dos xudeus expulsados de España no 1429 se reúnen de xeito clandestino para cantar.

Neste 2021 o artista aúna nun novo traballo as principais vertentes da súa creación: por unha banda, a do investigador, desde moi novo, da música de tradición oral galega e, por outra, a que desenvolveu en paralelo como entusiasta intérprete da música urbana dos xudeus do Imperio Otomano. A procura desta conexión única, cunha sonoridade peculiar, é Levaino!, un álbum que pon de manifesto os estreitos vínculos entre as dúas culturas, que á vez responden aos campos de traballo habituais do propio Fernandes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.