67 axudas a hostaleiros de Ribadeo co primeiro plan de rescate e o programa para mellorar terrazas

O delegado territorial, Javier Arias, visitou un dos establecementos beneficiados e lembrou que o Goberno galego vén de ampliar o crédito do segundo Plan de rescate, que pasa dos 75 aos 96 millóns de euros

A Xunta de Galicia achegou nos últimos meses 329.000 euros en 67 axudas á hostalería de Ribadeo a través do primeiro Plan de rescate e da orde específica para a mellora de terrazas e a compra de elementos de envasado para domicilio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou un dos establecementos beneficiados e lembrou que o Goberno galego xa está resolvendo as achegas do segundo Plan de rescate e que, debido á elevada demanda, vén de ampliar o crédito inicial de 75 millóns de euros ata os 96 millóns.

Estas axudas directas que xestiona a Consellería de Emprego e Igualdade pretenden  compensar aos establecementos de hostalería polos períodos de inactividade e as  restricións, co fin de inxectar liquidez e axudar ao seu mantemento. Na primeira edición concedéronse en Ribadeo 51 axudas por un importe global de 144.000 euros.

Pola súa banda, a Vicepresidencia económica a Consellería de Economía, Empresa e Innovación puxo en marcha a través do Igape o programa para o acondicionamento de terrazas e a compra de elementos de envasado para domicilio, que sumou 184.800 euros  en axudas para 16 hostaleiros do municipio.

Os apoios supoñen o 80% do orzamento mobilizado polos hostaleiros (231.000 euros). A maior parte do investimento realizado destinouse á instalación de peches estables ou  desmontables así como outros elementos móbiles tales como toldos, biombos, cortaventos, parasoles e tarimas accesibles. En concreto, mobilizáronse para este fin 132.100 euros.

Outros 70.000 euros investíronse na adecuación estética e funcional das terrazas, mediante a renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e de aparatos calefactores exteriores, así como actuacións de mellora da fachada exterior do local.

Por último, 29.000 euros foron destinados á adquisición de elementos sostibles de envasado e empaquetado de comida e bebidas para o servizo de entrega a domicilio ou de recollida no propio local.

O delegado territorial gabou “o esforzo de adaptación que están a realizar os hostaleiros para poder exercer a súa actividade de xeito seguro, atendendo ás medidas sanitarias que seguen resultando imprescindibles para frear a pandemia”. Na mesma liña, destacou “a responsabilidade” coa que actúa o sector e sinalou que a Xunta “colaborou coa hostalería dende o primeiro momento e continúa realizando un esforzo orzamentario para axudarlles a superar os prexuízos que lles causa esta situación”.

Axudas ao comercio local

Outro dos puntais do sector servizos de Ribadeo xunto á hostalaría é o comercio local, cun forte peso no municipio. Neste senso, Javier Arias lembrou que a Xunta de Galicia tamén impulsou iniciativas para reactivar este sector tan prexudicado pola pandemia e chamou a atención sobre o último dos programas, o Bono Activa Comercio, posto en marcha pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

O delegado da Xunta en Lugo explicou que o bono Activa Comercio está a ter unha moi boa acollida, tanto por parte dos comerciantes coma dos consumidores. En concreto, no municipio de Ribadeo hai, por agora, 43 comercios adscritos a este programa e 152 consumidores que se descargaron algúns dos bonos.

Ademais, sinalou que o prazo para que os comercios se sumen a esta iniciativa rematará o vindeiro día 15, polo que aínda está aberta a inscrición na plataforma bonosactivacomercio.gal. No mesmo sitio web os clientes poden darse de alta e descargar os bonos, ademais de consultar a listaxe de comercios nos que poden obter os descontos.

O bono ten formato dixital a través dun código QR e funciona mediante unha aplicación para descargar no móbil. A contía da rebaixa dependerá do valor da compra: por un gasto igual ou superior a 30 euros descontaranse 5 euros; e por un gasto de 50 euros ou máis descontaranse 10 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.