A Deputación abre o luns o prazo de solicitudes das axudas á hostalaría e axencias de viaxes das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol

González Formoso destaca que o obxectivo do Goberno provincial e que estes  9 millóns de euros da segunda edición do PEL- REACTIVA,  específico para a hostalaría, hospedaxe e axencias de viaxe “chegue ao maior número de beneficiarios coa maior axilidade posible”

Os pequenos negocios de hostalaría e axencias de viaxe das cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol tamén poderán solicitar, a partir do luns 24 de maio, ás 8.00 horas, as axudas do programa PEL-REACTIVA 2, un plan específico impulsado pola Deputación da Coruña e dotado con 9 millóns de euros para apoiar á hostalería, hospedaxe, axencias de viaxes e ocio nocturno, sectores gravemente afectados pola pandemia da Covid-19.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que a Deputación abrirá este luns, 24 de maio, un novo prazo de solicitudes do PEL Reactiva 2 para que os autónomos e microempresas destes sectores que teñan o seu domicilio fiscal nas cidades da Coruña, Santiago, Ferrol podan acceder ás axudas, que tamén poden seguir solicitando os negocios  ubicados nos restantes 90 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia da Coruña.

O obxectivo, explicou González Formoso, “é que estes 9 millóns de euros en axudas directas que poñemos ao dispor da hostalaría, hospedaxe e as axencias de viaxe da provincia podan chegar ao maior número de beneficiarios e coa maior axilidade posible,  para axudar a reactivar un sector especialmente danado pola crise da Covid-19 e composto, en máis dun 90%, por autónomos/as e microempresas”.

Pago en tempo récord

Desde a apertura, o pasado 3 de maio do primeiro prazo para os pequenos negocios con domicilio fiscal en concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, a Deputación abonou xa preto de 1,5 millóns de euros en axudas.

O tempo medio de pago das axudas está a supoñer un fito histórico para a administración provincial, xa que por primeira vez estanse pagando subvencións no mesmo día en que se solicitan, sendo o tempo mínimo de 7 horas e o máximo de 3,5 días.

Esta axilidade na tramitación supón «un punto de inflexión para adaptarnos ás demandas dun sector que precisa liquidez inmediata», explicou o presidente da Deputación, que lembrou que todas as axudas do REACTIVA, incluídas as das grandes cidades, serán tramitadas directamente desde a Deputación e son compatibles coas axudas de outras administracións.

28 millóns de euros en axudas aos sectores danados pola pandemia

Valentín González Formoso destacou que, desde o inicio da pandemia hai algo máis de un ano, a Deputación leva destinado 28 millóns de euros en programas de axudas a autónomos e microempresas dos sectores máis afectados a través dos programas PEL-REACTIVA, nun importante esforzo económico destinado a axudar a paliar os graves efectos económicos da crise.

As subvencións do PEL-REACTIVA para hostalaría e axencias de viaxes, consistentes en axudas directas por importe de 1.500 euros por negocio, están dirixidas ás persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e as microempresas que figuren dadas de alta no IAE, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, en calquera dos epígrafes relativos a bares e restaurantes (agrupacións do IAE 67), hospedaxe (epígrafe 68), axencias de viaxe (epígrafe 755) e salas de festa e discotecas (epígrafe 969.1).

O novo prazo de solicitudes, para negocios destes sectores ubicados en calquera dos 93 concellos da provincia, abrirá o luns 24 de maio ás 8.00 horas e permanecerá aberto ata o 15 de xuño ás 14.00 horas ou ata o esgotamento do crédito, no caso de que se producira antes.

A solicitude realizase de xeito integramente telemático a través da plataforma SUBTeL mediante a presentación da seguinte documentación:

  • Certificado de Vida laboral do/a autónomo/a onde conste a data de alta no RETA (no caso de que o solicitantesexa persoa física)
  • Certificado de situación censual da Axencia Estatal Tributaria, actualizado a efectos de determinar a data de inicio da actividade.
  • Información de datos bancarios:
    • Persoas físicas que actúen no seu propio nome: designación de conta bancaria (código IBAN ou CCC).
    • Persoas físicas que actúen a través de representante e persoas xurídicas: certificación bancaria ou documento de banca electrónica que conteña o nome ou razón social, o CIF/NIF e a identificación da conta bancaria (código IBAN/CCC)
    • Pode atopar máis información sobre esta liña de axudas na páxina web da Deputación da Coruña (dacoruna.gal) ou do Plan de Emprego Local.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.