A Deputación de Ourense celebra o #DíadasLetrasGalegas con sete espectáculos de música, teatro, danza e poesía

A Deputación de Ourense vai conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á poeta Xela Arias, con sete espectáculos de música, teatro, danza e poesía que se celebrarán noutras tantas localidades da provincia, nunha programación incluída na Rede Provincial de Auditorios (ReaOU).  

A celebración do Día das Letras Galegas comezará mañá xoves, día 13, na Valenzá (Barbadás) co espectáculo titulado Xela Arias fala coa natureza, unha obra de carácter familiar e cun claro compoñente didáctico onde ás árbores e a natureza estarán presentes a través de distintas artes escénicas. Tamén terá a oportunidade de desfrutar desta obra a veciñanza de Castrelo de Miño, o día 22, e da Pobra de Trives, o 23. 

As catro citas culturais restantes celebraranse na propia xornada das Letras Galegas, o día 17. Na casa da Cultura de Ribadavia o público poderá ver a comedia Running, producida por De Ste Xeito; o Campo dos Brancos de Allariz acollerá o espectáculo de música e interpretación Noviña, a cargo dos artistas María Mendoza e Nate Borrajo; en Viana do Bolo, na Casa da Cultura, a compañía Run Run Teatro porá en escena a obra As Lavandeiras; e na Insua dos Poetas, no Carballiño, celebrarase unha xornada de jazz e poesía, a cargo da banda 4 Mal Quartet Jazz e os poetas Rochi Novoa e Quico. 

Tamén con motivo da festa das Letras Galegas, a Deputación de Ourense, a Fundación Curros Enríquez, o Concello de Celanova e o proxecto cultural e turístico Platea Lúa organizan o luns 17 unha visita guiada a Vilanova dos Infantes, que se repetirá o día 22. Baixo o título Unha historia para contar, o acto inclúe un percorrido teatralizado pola vila da man de dúas personaxes: un artesán zapateiro e a fotógrafa Ruth Anderson. 

Ourese, barbadás Concursos sobre a romaría Raigame 

 Para manter vivo o espírito da Romaría Etnográfica Raigame, suspendida pola pandemia, as entidades organizadoras –Deputación de Ourense, Centro Cultural Popular Xaquín Lourenzo e Concello de Celanova- veñen de convocar tres concursos nas modalidades de fotografía, investigación etnográfica e micro videos.  

Os participantes optarán a tres premios de entre 100 a 300 euros no apartado de fotografía, onde poderán concursar cunha serie de imaxes sobre algún aspecto da festa ou instantáneas temáticas en torno ás bandas de música; un premio de 300 euros máis a publicación do traballo para as investigacións etnográficas; e premios de 100 a 300 euros no caso dos micro videos.  

Os traballos deberán ser remitidos, antes do 31 de setembro para a modalidade de fotografía e antes do 31 de decembro para o resto, ao Centro Cultural Popular Xaquín Lourenzo ou o Concello de Celanova. Os galardóns correspondentes a fotografía serán entregados coincidindo coa inauguración da exposición Estampas dunha romaría, que reunirá as imaxes seleccionadas, e o resto na edición da romaría de 2022, incluíndo a presentación dunha publicación coas investigacións premiadas e a emisión dos audiovisuais na sala de cine que cada ano se monta para a ocasión. 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.