A Deputación de Pontevedra sorprende en Fitur coa campaña “É o teu momento”

Carmela Silva eloxia o gran traballo do sector para coidar o destino e chama a visitar Pontevedra Provincia: “Se queren coñecer un lugar que namora, veñan ás Rías Baixas“

A chamada da Deputación de Pontevedra a viaxar ás Rías Baixas – Pontevedra Provincia emocionou esta mañá en FITUR 2021 ás e os asistentes ao lanzamento da campaña ”É o teu momento”. A institución provincial sorprendeu cunha atractiva presentación na que estreou o vídeo oficial da campaña, protagonizado pola artista Wöyza, e na que tivo un especial protagonismo o sector turístico do destino, que demostrou unha gran fortaleza e responsabilidade en tempos moi difíciles. “O  seu comportamento foi exemplar e fainos mirar cara o futuro de maneira moi optimista”, subliñou a presidenta Carmela Silva ante alcaldes e alcaldesas de toda a provincia, representantes do sector e xornalistas de medios e blogs especializados. Centos de persoas seguiron o acto por streaming a través da web e as redes sociais da Deputación.

Nun ano con fortes restriccións en FITUR, a Deputación apostou decididamente polo audiovisual para compartir co público a beleza das Rías Baixas, a súa cultura, patrimonio, gastronomía e Camiños de Santiago. A xornalista Noa García encargouse de conducir a presentación, que xunto á estrea de “É o teu momento”  incluíu a proxección doutros tres vídeos inéditos. Unha das pezas é un recoñecemento ao sector no que a presidenta, o xerente do Club Náutico de O Grove, Miguel de la Cierva, e a xerente de Alecrín Turismo de Natureza, Ana Vázquez, reflexionan sobre os atractivos das Rías Baixas e o presente e o futuro de turismo neste destino. O terceiro dos vídeos resume a campaña “momentos Rías Baixas”, na que máis de 2.400 persoas subiron xa ás redes sociais imaxes dos seus recordos especiais na provincia de Pontevedra. Por último, un vídeo coa peza musical “Libre” de Wöyza coa Ría de Vigo como telón de fondo que puxo a guinda musical perfecta ao acto da Deputación.

Un destino para os 365 días do ano

A presidenta salientou que “É o teu momento” é unha campaña “que toca emocións e chega ao corazón”. “Fala dun lugar máxico, dun verdadeiro paraíso coidado por un sector do que temos que sentirnos moi orgullosas e orgullosos”, continuou, para amosarse convencida de que “o turismo vai crecer de forma exponencial na provincia, porque este é un gran destino”.

Carmela Silva reflexionou que a cultura e o patrimonio son fundamentais na oferta turística e convidou ao público a visitar as Rías Baixas – Pontevedra Provincia os 365 días do ano.  “Se queren recuperar a felicidade despois dun tempo tan difícil, se queren desfrutar dun lugar que namora e non deixa a ninguén impasible, non poden deixar de regresar. Esperámosvos cos brazos abertos”, proclamou. Ademais, a presidenta destacou a participación na campaña de Wöyza, “muller potente, libre, que representa o mellor de todas e todos nós”.

O vídeo oficial, coa presenza e a voz en off da artista, recolle extraordinarias imaxes da natureza da costa e o interior, a gastronomía e o patrimonio da provincia. “Non agardes máis, observa con calma, mira, atrapa e garda. Desfruta de todo o que os teus ollos queiran regalarte”, invoca Wöyza na emotiva peza, que resalta que agora é o momento de viaxar ás Rías Baixas.

Pola súa banda na peza na que o sector turístico é protagonista, a presidenta e as voces convidadas repasan os dificilísimos 14 meses transcorridos desde o inicio da pandemia e reflexionan sobre os tesouros naturais do territorio, a cultura e o patrimonio, atractivos que van na liña do que agora demandan as viaxeiras e viaxeiros. “Queremos  que as Rías Baixas – Pontevedra Provincia sexa unha segunda casa para descansar, recuperarse do traballo, conectar coa natureza e gozar coa compañía dos seres queridos”, resalta Carmela Silva no vídeo.

Éxito de “#momentosRíasBaixas”

O vídeo-resumo da campaña “#momentosRíasBaixas” achega pola súa parte fantásticas imaxes subidas ás redes polas persoas que participaron nos sorteos de estancias e actividades turísticas organizados pola Deputación nos últimos meses. A promoción, aínda en marcha, supera xa os 3,3 millóns de impresións e as 1,5 millóns de persoas alcanzadas. Na peza pódense ven fotografías da costa e o interior, turismo urbano, patrimonio, turismo activo, gastronomía, náutica, Camino de Santiago. Todas tomadas por protagonistas reais, persoas que xa viviron pequenos e grandes momentos nas Rías Baixas procedentes de todas partes do mundo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.