A RAG emitirá en directo dende Vigo o pleno das Letras Galegas de Xela Arias

O acto terá lugar no Auditorio do Mar de Vigo a partir das 13 horas e contará coas olladas á figura e á obra da protagonista do Día das Letras Galegas 2021 dos membros da Academia Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas

O acto central do Día das Letras Galegas celebrará a figura e a obra de Xela Arias dende Vigo, escenario fundamental da vida da poeta, editora e tradutora á que a Real Academia Galega dedica este 17 de maio. Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas pronunciarán as alocucións académicas sobre a autora e a parte musical correrá a cargo de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera. A celebración terá lugar no Auditorio do Mar de Vigo a partir das 13:00 horas, e poderá verse en directo dende a academia.gal, a páxina web da institución, onde poden verse xa os 6 capítulos da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada e a serie de micropezas Xela Arias. Onde canta a poeta.

Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas achegarán distintas olladas á autora á que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas 2021, voz singular dunha xeración que trouxo a modernidade á cultura galega, e que tivo en boa medida a cidade de Vigo como epicentro. A palabra de Xela Arias estará tamén presente na actuación musical de Mónica de Nut, Pablo Carrera e Fernando Abreu, quen comezara a preparar coa escritora un espectáculo poético-musical pouco antes do seu pasamento.

Xela Arias creou unha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida e quíxoa facer dialogar con outras artes. Dende a ilustración, presente no seu primeiro poemario, Denuncia do equilibrio (1986), e a fotografía –coa que comparte protagonismo en Tigres coma cabalos (1990) e na portada de Darío a diario (1996)–, ata a música, á que se achegou especialmente na última etapa da súa vida tras a publicación de Intempériome (2003). Pero este Ano Xela Arias celebra tamén outros perfís da homenaxeada igualmente frutíferos: os de editora e tradutora rigorosa que verteu ao galego milleiros de páxinas de clásicos universais. Drácula de Bram Stoker, Venus negra de Angela Carter, Amor de perdición de Camilo Castelo Branco ou O derradeiro dos mohicanos de Fenimore Cooper son algúns dos case vinte títulos que trouxo á nosa lingua, un labor polo que foi premiada en distintas ocasións.

Aposta polo audiovisual

O pleno do 17 de maio constitúe o acto institucional central da Real Academia Galega arredor da celebración das Letras Galegas, pero a programación da entidade estenderase ao longo de todo o ano. Nesta edición, marcada como a anterior pola pandemia, o audiovisual cobrou forza. A RAG produciu Xela Arias. A palabra esgazada, a primeira serie documental sobre a personalidade á que homenaxea. A proposta, realizada pola produtora Miramemira, pode verse en academia.gal e na canle de Youtube da RAG, onde tamén está dispoñible Xela Arias. Onde canta a poeta, que xunta trinta olladas á vida e á obra da autora en forma de micropezas. Nesta última serie intégrase a colaboración especial da violonchelista viguesa Margarida Mariño, que converteu en canción o poema que dá nome ao volume Tigres coma cabalos.

Contidos para o público de todas as idades

A Real Academia Galega ofrece ademais recursos lúdicos e didácticos sobre Xela Arias creados para o público infantil a través da páxina web do proxecto Primavera das Letras (primaveradasletras.gal); e mantén tamén activa unha sección especial das Letras Galegas 2021 no Portal das Palabras, con xogos e outros recursos lexicográficos arredor do universo vital e literario da autora. As citas da palabra do día deste espazo beben ademais dende abril da obra de Xela Arias. A sección das Letras Galegas 2021 reúne todos estes recursos xunto ao espazo biográfico asinado por Ana Romaní, novas, entrevistas e artigos.

Á volta do verán, a Real Academia Galega celebrará o tradicional simposio das Letras Galegas, onde distintas voces especialistas ofrecerán novas perspectivas á figura e á obra de Xela Arias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.