A Real Academia Galega celebra o legado de Xela Arias, a poeta das vidas á marxe

A voz de Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) abriu o pleno extraordinario que a Real Academia Galega celebrou hoxe en Vigo para reivindicar o seu legado. A escritora, editora e tradutora recitando versos do seu derradeiro poemario, Intempériome (2003), en diálogo coa música de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera, marcou o comezo do acto central do Día das Letras Galegas, unha conmemoración na que Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas pronunciaron as alocucións académicas sobre a autora á que a RAG dedica este 17 de maio. Os tres recorreron á palabra da poeta e puxeron o acento no carácter rebelde e na lectura de xénero dunha poesía á intemperie, envolta «nas entrañas das vidas á marxe» e que «cuestiona «exércitos inoculados de acomodo»», expresou Ana Romaní. «Crear, di Xela, é inventa-lo mundo e mailas marxes do mundo. Crebar as marxes, inventar outras novas», coincidiu Marilar Aleixandre. Porque ela foi, en palabras de Manuel Rivas, unha muller «a camiñar pola liña do horizonte», unha creadora que escolleu botarse «fóra da orde do día».

O acto tivo lugar no Auditorio Mar de Vigo, na cidade que foi «o espazo creativo, emocional, familiar e profesional onde Xela Arias desenvolveu a meirande parte da súa vida», indicou o presidente da RAG. Víctor F. Freixanes recordou tamén a Sarria natal da autora, onde a Academia estivo igualmente presente neste Ano Xela Arias apoiando distintas iniciativas arredor da súa figura. Sarria e Vigo, dous eixes vitais que ilustran a pertenza de Xela Arias a unha xeración con raiceiras no rural, que medrou nos barrios das cidades galegas en expansión e que viviu a mocidade nun momento «especialmente activo e ilusionante», o dos anos 80 e dos 90, no que «Vigo tivo un protagonismo moi especial». «Foron décadas dunha enorme explosión cultural e creativa, protagonizada polos mozos e mozas que, sen renunciar á memoria dos avós e os devanceiros, a enriquecen cunha nova ollada, novas perspectivas, novas formas de expresión», retratou Víctor F. Freixanes.

O presidente da Academia reflexionou ademais sobre a importancia da transmisión xeracional do idioma a través do exemplo da familia de Xela Arias e tivo palabras de especial recoñecemento para os seus pais, Valentín Arias (1934-2011) e Amparo Castaño, que acudiu ao pleno da RAG acompañada do fillo, os irmáns, os sobriños e outros parentes da homenaxeada. «Cando as familias manteñen viva a riqueza do idioma e saben transmitilo con dignidade, amor e coherencia aos descendentes, a lingua medra, axigántase, convértese nunha onda contaxiosa de afectos, factor de socialización fundamental para construír a nación do futuro, que non acaba en nós, senón que continúa sempre nos que veñen despois. Esta responsabilidade témola todos. Non podemos mirar para outro lado», concluíu.

 

Víctor F. Freixanes falando con Darío Gil Arias

As Letras Galegas de Xela Arias celebran a poesía singular e transgresora da autora, e a súa procura de novos espazos para ela, facéndoa dialogar con outras artes: dende a ilustración, presente no seu primeiro poemario, Denuncia do equilibrio (1986), e a fotografía —coa que comparte protagonismo en Tigres coma cabalos (1990) e na portada do libro que escribiu sobre a experiencia da maternidade, Darío a diario (1996) —, ata a música, á que se achegou especialmente na última etapa da súa vida, tras a publicación de Intempériome. Para esta obra preparaba un espectáculo de poesía e música contemporánea con Fernando Abreu cando a morte prematura a sorprendeu en novembro de 2003. O músico recuperou este ano aquel proxecto truncado como homenaxe á escritora baixo o título Vencerse é cousa de se tratar. A actuación musical que abriu o pleno da RAG foi unha adaptación especial da proposta que trouxo ao Auditorio Mar de Vigo a poesía da autora na súa propia voz.

Pero as Letras Galegas 2021 non só celebran a literatura de Xela Arias. Tamén sinalan a importancia doutros perfís da homenaxeada igualmente frutíferos e que fixeron dela unha persoa fundamental no proceso de normalización lingüística: os da profesional da edición —foi parte do equipo que puxo a andar Edicións Xerais de Galicia— e tradutora rigorosa, que verteu dende os anos 80 ao galego milleiros de páxinas de clásicos universais contemporáneos: DráculaO derradeiro dos mohicanos, Dublineses, As bruxas, Contos ó teléfono, Amor de perdición…

Literatura, tradución e edición comprometidas

Ese compromiso coa lingua en todas as súas facetas tamén foi reivindicado nas alocucións académicas. «Escribo en galego porque estou aquí, e desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados», deixou dito a autora. Lembrouno Ana Romaní, quen advertiu que o seu é o idioma da xustiza social. «Sometido ao espolio, regulado para se ensumir, decretado para a insignificancia, ese idioma é o animal ferido no que reclama faite indómita nun dos poemas das mobilizacións de Nunca Máis», engadiu.

«Nos poemas, nas poéticas, conviven a mágoa por un idioma oprimido e condicionado por outro, coa ledicia de quen escribe nunha lingua que viviu salvaxe durante tantos anos, brincando matos, montes e pradairas. Lingua ventureira, lingua brava para a que Xela ten o propósito de a converter en lingua de cultura», afondou Marilar Aleixandre. «Fala que serve para ensinar ciencias naturais ou matemáticas, malia haber agora un decreto que nega as matemáticas en galego. Idioma que serve para, a través del, falaren Joyce, Cervantes, Angela Carter, Bram Stoker, Jean Rhys», recordou. «Creo que traduzo o seu pensamento ao dicir que o galego estará plenamente asentado cando consigamos que se lea en galego a literatura escrita en inglés ou francés. Xela sabe que nin traducir é unha forma menor da escrita, nin a tradutora é traidora, senón actriz da palabra», concluíu.

Manuel Rivas, pola súa banda, lembrou que «está nas nosas mans frear os procesos de desfeita ecolóxica e lingüística, que nos sitúan ante un verdadeiro estado de emerxencia, no que o dilema é: comunidade ou caos, biodiversidade ou bioperversidade, extinción ou desextinción, perda ou rescate».

‘Serse. A poética radical de Xela Arias’

Ana Romaní arrincou a súa intervención cos versos que Xela Arias dedicou a Rosalía de Castro —nos que a poeta reivindicou o «dereito a rebentar»—, e convocou tamén a Luz Pozo Garza e Xohana Torres nun discurso titulado Serse. A poética radical de Xela Arias. «As escritoras, xa sabemos, están feitas da mesma materia que todas, apertadas coas mesmas tenaces, asaltadas nas mesmas violencias, rabenadas na mesma estrutura, esgotando o seu dereito a rebentar. Sendo muller aínda é ben difícil vivir nas nubes, dixo Xela Arias. Mais hai un ceo, e as mulleres sostemos a metade, dixo Xohana Torres», citou a académica. «A liberdade que o texto explora e a vida ratifica, entendémola desde un suxeito feminino que non se somete á orde, ao establecido, á institución. Acaso é o poema o lugar no que Xela Arias funda o seu autogoberno, unha poética esculpida na ardua procura da independencia, explorando suxeitos que na desorde desafían a pauta, insubmisa ao catálogo, mais absolutamente sabedora da terra que pisa e dos marcos que limitan os seus pasos», analizou.

Os textos de Xela Arias —proseguiu Ana Romaní— acentúan a perspectiva crítica e solidaria dunha obra que constrúe dende o inconformismo e na filiación colectiva de formar parte. «A poesía de Xela Arias envólvese nas entrañas das vidas á marxe, escarva nos seus ángulos (…). Nas marxes que a poeta explora e nas que se recoñece, o poema devén un revolverse de ocasións, o pulo que o traza ten a marca insomne dun corpo que se desprega no risco, audaz e revoltado: «Escribir pode ser un acto revolucionario», avisou. Xela Arias materializa, na súa voz, a independencia e a liberdade como actos fundamentais da condición poética e da existencia», rematou.

Sangue e auga

«Sangue e auga»: a voz da muller, a furia dos escualos é o título do discurso de Marilar Aleixandre, quen tamén se referiu ao diálogo de Xela Arias con Rosalía e ao dereito das mulleres a «rebentar, a crebar as marxes, a non querermos ser inmaculadas nin melancólicas». A académica profundou na identificación de Xela Arias cos animais e a súa relación coa ollada feminista, nun ronsel de «voces alternativas que articulan a través da animalidade unha poderosa metáfora da emancipación, mais asemade o recoñecemento da vulnerabilidade compartida». «Na identificación de Xela Arias —e doutras poetas galegas— cos animais hai o sentimento compartido de perda, ameaza, dor, do feminismo posthumano de Rosi Braidotti. Mais propoño outros trazos nesa identificación: o recoñecérmonos como parte dun empeño colectivo, dunha liñaxe, do noso sangue; a rebeldía fronte ás expectativas sociais para as mulleres e para os animais non humanos; a ledicia, unha celebración da liberdade, libres para voar, nadar, para facer o amor, para o desenfreo», comezou.

Marilar Aleixandre defendeu que nos poemas de verdade hai sangue e auga, «como nos textos de mulleres que escriben sobre as penas das mulleres». «A auga nos poemas de Xela é a auga de fregar, as experiencias das mulleres. Nun mundo ideal, acadada a igualdade, talvez mulleres e homes escribiriamos igual. Neste mundo desigual na escrita das mulleres mestúranse a tinta, o sangue menstrual, a auga de fregar, experiencias atravesadas por seren mulleres, menstruación, embarazo, abortar, parir, aleitar, ou de forma máis enxebre dar a teta; partes da vida «non literarias», inexistentes na literatura canónica (masculina), e das que, segundo o canon, as mulleres tampouco deberían escribir; porén di Xela: «Eu só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega»», continuou.

A académica concluíu a intervención reivindicando a ledicia da rebeldía: «Hai ledicia en ser tigre, gata, centaura ou balea. Crear, di Xela, é inventa-lo mundo e mailas marxes do mundo. Crebar as marxes, inventar outras novas, abrazar a metralla, posuír a palabra de lume».

Catro rebeldías

Manuel Rivas pechou a quenda das alocucións cun discurso titulado A muller que camiña na liña do horizonte, no que chamou a atención entre as coincidencias de Xela Arias e a súa coetánea catalá Maria-Mercè Marçal, quen agradeceu ao azar nos seus versos tres cousas: Ter nacido  muller / de clase baixa e nación oprimida. / E o turbio azul de ser por tres veces rebelde. «Xela Arias asumiu as tres rebeldías, entrelazounas nunha mesma tarefa emancipadora. Mais cómpre falar dunha cuarta rebeldía. Unha soidade solidaria, unha soidade eficaz», propuxo o académico.

«A súa procura dun almeiro de seu, dun espazo creativo singular, dun «cuarto propio», na expresión célebre de Virginia Woolf. O seu almeiro, o seu «cuarto propio», o espazo natural da soidade solidaria e eficaz foi o seu propio corpo coa anatomía da linguaxe imprevista. O mellor lugar para enfrontarse ao máis ruín dos poderes: o do nada», declarou Manuel Rivas. «Que sorte esa muller, que sorte estas mulleres, a camiñar pola liña do horizonte, esa linde da nación creativa, mantendo a raia o nada, o baleiro, termando das trabes do ceo, e cubrindo a quenda da noite, da intemperie, para impedir o secuestro do corazón do mundo», concluíu.

O académico tamén valorou o interese de Xela Arias por aquilo que «fica fóra», en contraste cun tempo xa percibido por ela «en que unha das síndromes máis estendidas é o medo a «ficar fóra». Fóra da moda, da última novidade, do intre triunfal». «Mais a literatura non pode ter medo de ficar fóra. Pola contra, o que fica fóra é o seu foco de interese», advertiu.

Manuel Rivas referiuse nesta liña a Denuncia do equilibrio, primeiro poemario de Xela Arias, como un manifesto no que a autora se bota «fóra da orde do día» e «vén abanear o acomodado, vén habitar o excéntrico, vén producir desequilibrio»; e valorou o derradeiro, Intempériome, como «unha obra que leveda co tempo e que axiña se verá como un chanzo imprescindíbel nesa historia literaria alternativa que ela vía como unha escaleira de abrazos».

Nai e fillo de Xela Arias cos académicos

Académicos, familia e amizades de Xela Árias

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.