Daniel García, Diego Álvarez, Carlos Rodríguez e Manuel Prieto fanse cos títulos máster en Escairón

A unha velocidade de vertixe, completando en 2 horas exactas o percorrido de 85 quilómetros, repartíronse este domingo en Escairón (Concello do Saviñao) catro coroas autonómicas

O máster-30 Daniel García (Muros), o máster-40 Diego Álvarez (MTC Team), o máster-50 Carlos Rodríguez (Milagrosa) e o máster-60 Manuel Prieto (Norinver) fixéronse cos títulos en xogo na cuarta edición do Gran Premio Ribeira Sacra, carreira que exerceu de Campionato de Estrada Máster-Xunta de Galicia 2021. O gañador absoluto desta cita organizada pola Chantadino Máster Team foi o máster-30 vasco Miker Núñez (Lasal Cocinas-Louriña).

O pelotón formado por 185 ciclistas aproveitou a tendencia descendente dos quilómetros iniciais para voar pola Ribeira Sacra. O ritmo establecido impediu que os intentos de fuga se consolidaran, unha situación de carreira que brindou ao asturiano José Luis Pico (Moscovitas de Rialto) a posibilidade de exhibir a súa punta de velocidade para adxudicarse o Sprint Especial de Bóveda (km 26) e a Meta Volante de Monforte de Lemos (km 48).

O terreo dos escaladores chegou nos últimos 15 quilómetros. Manuel Ángel Parada (CDM Xesteiras) coroou por diante de Iago Alonso (Chantadino), designado corredor máis combativo da proba, e de Mikel Núñez o alto de Ferreira de Pantón (km 74). Tras un mínimo descanso, de contado regresaron os treitos nos que a estrada volve picar para arriba camiño de Escairón e doce ciclistas abandonaron a disciplina do pelotón.

Esprint reducido

Os fugados acadaron unha vantaxe próxima aos 30 segundos coa que se presentaron na recta final, onde Mikel Núñez impuxo a súa potencia ao esprint. Detendo o reloxo en 2:00:37, o vasco do Lasal Cocinas-Louriña ergueu os brazos, mentres que os máster-40 José Luis Pico e Diego Álvarez completaron o podio absoluto.

O terceiro posto do representante do MTC outorgoulle o título autonómico e recibiu o maillot de campión de Galicia escoltado por Francisco Muñoz (Debra) e Alberto Pérez (3AG), segundo e terceiro respectivamente, que terminaron co seu mesmo tempo.

No grupo de cabeza tamén remataron os tres mellores máster-30 galegos. Daniel García, quinto na táboa absoluta, bateu a Samuel García (Norinver) e o terceiro chanzo do caixón ocupouno José Manuel Regueira (Chantadino).

As outras dúas categorías do Campionato de Galicia chegaron resoltas aos últimos metros. Carlos Rodríguez foi o único máster-50 que entrou no pelotón perseguidor. O premio como segundo clasificado recolleuno Manuel Vázquez (Norinver) e José Vicente Formoso (Dumbría) finalizou terceiro. Pola súa banda, Manuel Prieto revalidou título ao superar con solvencia ao segundo máster-60 José Riobo (Bueu).

Juan Carlos Armesto, alcalde do Saviñao, e de Jorge Rodríguez, concelleiro de deportes desta localidade, participaron na entrega de premios. Esta cerimonia de podio arrancou coa homenaxe do Chantadino Máster Team a Sinesio Vázquez, xuíz árbitro que se retira esta temporada tras 30 anos dedicados ao ciclismo, e concluíu cos campións galegos brindando con viño escumoso da Ribeira Sacra como colofón a un evento impecablemente organizado e no que se cumpriron de principio a fin os protocolos de protección contra a COVID.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.