Gadis recolle nun libro a obra de 15 poetas novos para celebrar o Día das Letras Galegas

Repartiranse de balde 30.000 exemplares este sábado día 15 de maio nos supermercados xunto con marcapáxinas e 60.000  bolsas de papel reciclado con textos de Xela Arias

Supermercados Gadis quere levar a nova poesía galega aos fogares de Galicia. Un ano máis, apoia unha das datas máis relevantes da nosa comunidade, o Día das Letras Galegas, conmemorando a figura da escritora homenaxeada  neste 2021, Xela Arias, e poñendo en valor a poetas emerxentes galegos a través dun libro que recolle textos de quince autores contemporáneos: 15 Voces da Nova Poesía Galega, coa mensaxe “Deixa que a poesía saia á rúa, intempestiva”.

Este sábado 15 de maio, ata fin de existencias, regalaranse 30.000 exemplares desta antoloxía poética seleccionada, editada e producida pola compañía, amosando así o seu compromiso coa literatura galega de onte e de hoxe. Tamén se repartirán 30.000  marcapáxinas que resaltan a figura de Xela Arias. Un recordo que cobra valor nun fragmento recollido en Poesía reunida (1982-2004).

Na web https://www.gadisletrasgalegas.gal/ poderá ser descargada a versión dixital da escolma, que reflicte a calidade e a variedade de autores literarios na nosa lingua, incluindo  pezas de 4 artistas plásticos e fotógrafos novos galegos. Tamén está activo un concurso ata final de mes con sorteo de libros e bolsas de tea da edición.

Con prólogo da filóloga e ensaísta Chus Nogueira, estas voces son: Andrea Nunes, Tamara Andrés,  Lúa Mosquetera, Gonzalo Hermo, Samuel L. París, Ismael Ramos, quico, Helena Salgueiro, Xabier Xil Xardón, Rosalía Fernández Rial, Daniel Landesa, Celia Parra, Cristina V. Miranda, Pompa & Boato e Alba Cid, autores moitos consagrados na poesía galega actual, tanto pola crítica literaria como polo público, con miles de seguidores en redes sociais.

Gadis retoma, ademais, unha das súas accións pioneiras neste eido: converter as bolsas da compra en vehículo cultural. A literatura entra nos fogares da man da cadea de supermercados que tamén escolleu unha peza da obra Poesía reunida. Distribuiranse 60.000 bolsas de papel reciclado.

E XA AMO E PERSÍGOME XA SEI POLA PALABRA | POLA PALABRA MAIS O SENSO DA PALABRA | FILLA EXCITADA DO CAMINO PERCORRIDO | NA TÚA BÚSQUEDA | E ÁCHOTE |ÁCHOTE NO MAR ACHAREITE LOGO A AGARDARME | DESDE DENTRO DA AUGA POLO MEU CORPO

20 anos apoiando a cultura en Galicia con diversas accións culturais

O traballo de Gadis a prol da difusión da literatura galega leva vixente case 20 anos coa edición impresa de máis de 360.000 exemplares de obras literarias escritas por autores novos e máis consagrados, dirixidas a diferentes públicos e de xéneros diversos co obxectivo de achegar á sociedade a máis ampla representación das letras galegas.

A compañía colabora con numerosas accións culturais ao longo do ano. Nestas datas, cabe destacar o II Concurso de Microrrelatos Gadis coa temática “Os descubrimentos”; o apoio ao Duatlón das Letras de Baio; á Carreira Camiño das Letras; á Gala músico-literaria das Letras Galegas de Verín; á Global Muiñeira do IES Dionisio Gamallo de  Ribadeo; ou á Sociedade Cultural Apelón de Mugardos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.