Gómez Reino insta á Xunta e Concello atallar despedimentos SAF Chantada

O deputado galego vén de remitir unha carta a conselleira de Política Social e ao alcalde popular de Chantada urxindo unha solución ao conflito laboral
O deputado galego de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, vén de remitir esta mañá unha carta desde o Congreso dirixida á Conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García, e ao rexedor popular de Chantada, Manuel Lorenzo, para urxilos a implicarse na procura dunha solución ao conflito laboral que veñen de denunciando as traballadoras do SAF (Servizo de Axuda no Fogar).
Na súa calidade de Presidente da Comisión de Traballo, Inclusión, Servizos Sociais e Migracións, Gómez Reino trasládalles a súa fonda preocupación pola privatización dun servizo municipal que foi adxudicado a Samaín, do grupo Clece -propiedade de Florentino Pérez– que incumpre a obriga legal de subrogar ao persoal que prestaba o servizo baixo tutela pública.
Gómez Reino, que recentemente mantiña un encontro en Chantada coas traballadoras afectadas do SAF, denuncia nesta misiva a súa fonda preocupación polo despedimento dalgunhas compañeiras do servizo de axuda no fogar “en circunstancias que poden supoñer unha vulneración dos seus dereitos laborais”.
“Aos presuntos incumprimentos das condicións do convenio por parte da empresa, temos que sumarlle un exceso nas rotacións do persoal que inflúe na temporalidade, parcialidade e precarización do traballo o cal provoca en moitos casos o deterioro da súa saúde e a aparición de patoloxías derivadas das condicións laborais”, sinala Gómez Reino.
“Cuestións que repercuten non só nas vidas das traballadoras, senón que tamén afectan á calidade da atención que reciben as persoas en situación de vulnerabilidade cuxo benestar depende deste servizo”, engadiu o deputado.
Por último, o presidente da Comisión de Traballo insta á Xunta de Galicia e ao Concello de Chantada, a atallar os despedimentos no SAF de Chantada e dar cumprida resposta a unha situación laboral inxusta para as persoas que foron despedidas logo de moitos anos no servizo dignificando as condicións laborais da atención aos maiores e dependentes.
“Estou convencido de que tanto a inseguridade das traballadoras do SAF como as súas constantes demandas son unha prioridade para o Goberno de Chantada, polo que confío en que actuará en consecuencia para dar resposta á situación actual das traballadoras despedidas e na mellora e dignificación das condicións laborais e a calidade do servizo”, remata o escrito.