González Formoso compromete apoio da Deputación ao proxecto de APEM de construír unha residencia para maiores con enfermidades mentais na Coruña

O presidente visitou a sede de APEM no Barrio das Flores e transmitiu o seu apoio á demanda da entidade para que se vacine ás persoas usuarias dos dentros de día, centros de rehabilitación e pisos protexidos, “por tratarse dun colectivo especialmente vulnerable”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas,  realizaron esta mañá unha visita á sede da Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) da Coruña, onde supervisaron as diferentes actividades e servizos que esta entidade ofrece a máis de trescentas persoas usuarias en diferentes municipios da área sanitaria coruñesa, e moitos dos centros nos que presta o servizo foron acondicionados co apoio económico da Deputación.

Acompañado pola presidenta de APEM, Antonia Pérez Amieiro, a xerente, Antía Muruzábal e outros membros da directiva da asociación, González Formoso percorreu as instalacións do centro, que conta con servizo de información e orientación para as familias, actividades de rehabilitación psicosocial e de inserción laboral para as persoas con enfermidades mentais.

Formoso destacou “a longa traxectoria de colaboración” entre a Deputación e APEM, “unha entidade exemplar, con catro décadas de historia na loita pola inclusión social e laboral das persoas con enfermidades mentais” que desenvolve a súa labor nas comarcas da Coruña, Culleredo, Betanzos, Bergantiños e Soneira-Fisterra e comprometeu que a institución provincial “seguirá apoiando as súas iniciativas”.

Unha residencia para maiores na Coruña

“Hoxe APEM plantexou un proxecto no que nos queremos implicar e exercer a labor que ten que facer unha Deputación que é a de coordinar, tratar de buscar consensos e de dinamizar proxectos de interese social coma unha residencia para maiores con enfermidades mentais. Unha necesidade máis que xustificada para a que buscaremos a colaboración do Concello da Coruña e a Xunta de Galicia”, afirmou o presidente da Deputación, que destacou a “situación difícil que atravesan moitas persoas con necesidades especiais cando chegan a unha determinadade idade”.

Vacina para usuarios de centros de día e rehabilitación

Pola súa banda, a xerente de APEM, Antía Muruzábal agradeceu a visita do presidente e a deputada “para coñecer de primeira man as necesidades da entidade e escoitar as nosas propostas” e demandou que se inclúa nos plans de vacinación ás persoas usuarias dos centros de día, centros de rehabilitación piscosocial e pisos protexidos dos que dispón a entidade, “que a día de hoxe non están vacinadas, a non ser que estean dentro dos parámetros de idade que segue o plan de vacinación, aínda que entendemos que é un colectivo especialmente vulnerable que debería estar vacinado”, afirmou a xerente da entidade.

Valentín González Formoso considerou que a demanda “ten todo o sentido do mundo” e transmitiu o seu apoio á reivindicación de APEM de que estas  persoas sexan consideradas como “colectivo especialmente vulnerable”. Ademáis interesouse pola vacinación do persoal que atende e presta servizos aos usuarios nos diferentes centros residenciais e de atención diurna que xestiona a entidade na provincia.

Apoio da Deputación a APEM

Este ano, a institución provincial apoia con 17.000 euros as actividades de rehabilitación que APEM ofrece no seu Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral da praza dos Chopos ás persoas usuarias que exceden das prazas concertadas co SERGAS e con 7.500 € a renovación do equipamento do centro do que dispón a entidade no barrio da Sagrada Familia.

APEM xestiona ademáis o centro de rehabilitación psicosocial e laboral “Kerámicos”, na rúa da Igrexa, que dispón dun taller prelaboral de olería e cerámica ó que asisten 25 persoas usuarias e no que se elaboran diferentes pezas artísticas.

Algunhas das pezas elaboradas neste obradoiro son empregadas como regalo institucional da Deputación desde o ano 2019, contribuíndo así tamén á importante labor social que desenvolve esta entidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.