Gonzalo Caballero: “Feijóo é responsable da dedocracia e a opacidade que Baltar instaura en Ourense”

O secretario xeral considera “gravísimo” que o Consello de Contas conclúa que a Deputación de Ourense non cumpre coa rendición de contas

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou “a gravísima falla de rendición de contas, opacidade e a discrecionalidade” da Deputación de Ourense, tal e como sinala o Consello de Contas no informe publicado hoxe.

En concreto, o Consello de Contas considera que a conta xeral da Deputación de Ourense correspondente ao ano 2018 ten defectos que impiden considerala como rendida.

Ao respecto, Gonzalo Caballero sinalou tres datos dese informe que son “demoledores”: o 84% das subvencións concédeas nominativamente, o 80% das contratacións fainas a través de adxudicacións directas sen publicidade nin concorrencia e, ademais, o 70% da contratación concentrouse en tan só cinco adxudicatarias.

Ante estes datos, o líder do PSdeG responsabilizou a Feijóo de manter “a dedocracia, o caciquismo e a opacidade de Baltar” na administración provincial ourensá, a única das catro galegas que se atopa nesta situación.

“Feijóo é o culpable de manter á dinastía Baltar no pazo provincial, que segue cos mesmos métodos de caciquismo e reparto discrecional de fondos propio do século XIX sen render contas”, remarcou Gonzalo Caballero.

“Falar de rendición de contas e de transparencia na Deputación de Ourense é imposible, porque Baltar opta pola dedocracia, polo reparto discrecional de fondos públicos e pola discriminación a concellos e empresas”, sentenciou o dirixente socialista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.