Inés Rey: “A Coruña destinou 26,4M€ para facer fronte á pandemia sen axuda da Xunta”

A alcaldesa xunto á súa homóloga en Castellón, Amparo Marco, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentaron en María Pita «Do horto á cidade”, un evento conxunto entre os programas europeos URBACT e EDUSI sobre políticas alimentarias para un Desenvolvemento Urbano Sustentable. O tres alcaldes lembraron o gasto ocasionado pola pandemia da Covid-19 para as administracións locais, sen percibir ningunha compensación económica doutras administracións, a excepción da Deputación, no caso da Coruña e Santiago

A alcaldesa, Inés Rey, criticou esta mañá que dos fondos autonómicos extraordinarios que recibiu a Xunta pola COVID, o Concello non recibiu ningunha achega, e as axudas directas no termo municipal son unha parte residual dos 1.500 millóns de euros extra dos que dispón o Goberno autonómico. Mentres que, entre gastos extraordinarios e diminucións de ingresos derivados da pandemia, o Concello tivo que facer fronte nos últimos 14 meses a 26,4 millóns de euros. «Non me gusta falar da factura COVID pero si do que hai detrás; a implicación absoluta das administracións locais para facer fronte ás necesidades da pandemia», dixo Rey, quen lembrou unha vez máis que «os concellos fomos os primeiros en darlle respostas á veciñanza, en pór en marcha actuacións para atender as necesidades sociais e económicas derivadas da crise».

A alcaldesa fixo estas declaracións durante o acto de presentación xunto á alcaldesa de Castellón, Amparo Marco, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, de «Do horto á cidade», un evento conxunto entre os programas europeos URBACT e EDUSI sobre políticas alimentarias para un Desenvolvemento Urbano Sostible, que terán lugar hoxe e mañá en Palexco e que o Concello organiza xunto ao Punto Nacional URBACT. Os tres coincidiron ao afirmar que as estratexias EDUSI se perfilan como grandes oportunidades para que as cidades poidan afrontar a súa transformación no ámbito da renovación tecnolóxica, da integración social e da defensa do patrimonio cultural e ambiental. Unha transformación, explicou a rexedora, que nuns casos se paralizou e noutros se acelerou debido á pandemia da COVID-19.

A alcaldesa sinalou que nin os concellos nin as deputacións tiveron ingresos extraordinarios para facer fronte á pandemia, «máis ben ao contrario, só a Xunta aumentou o seu orzamento, que pasou de 10.000 millóns de euros a 11.500 millóns, precisamente con fondos extraordinarios para facer fronte aos efectos da pandemia».

Rey subliñou que tan só a Deputación provincial axudou a aliviar esta carga e achegou 1,2 millóns de euros. O Concello, dixo, sufriu un impacto directo nas súas contas de 25,2 millóns de euros, cantidade que se verá incrementada sensiblemente co previsto novo PRESCO e con previsibles diminucións de ingresos aínda non computados.

Como exemplo, desde o 12 de marzo do 2020, o Goberno local asinou 5.789 resolucións e decretos de emerxencia vinculados a gastos derivados da pandemia. «O Concello destinou 13,2 millóns de euros mediante o PRESCO e 1,2 millóns de euros para a ampliación do PRESCO (xa executados tamén) achegados pola Deputación. Desde a Área de Medio Ambiente, leváronse a cabo 1.433 desinfeccións en 114 instalacións municipais, educativas (centros de primaria de titularidade autonómica) e sociais, por un valor total de 107.656 euros. E nos Servizos Sociais investiu máis de 2 millóns de euros vinculados á COVID-19, cantidade que inclúe os citados convenios nominativos, 220.000 euros para o programa de atención a persoas sen fogar, 153.000 euros de emerxencia social e 72.000 euros do programa de canguraxe».

A redución de ingresos en taxas e prezos públicos como consecuencia da pandemia superou os 7 millóns de euros no 2020. A cifra total na diminución dos ingresos é maior (máis de 21 millóns euros), aínda que os 7 millóns de taxas a prezos públicos non teñen ningunha outra posible interpretación.

Pola súa banda, a alcaldesa de Castellón explicou que as estratexias EDUSI permitíronlle a Castellón experimentar unha profunda transformación e converterse nunha cidade máis inclusiva, amable, sustentable e accesible para a veciñanza. Asegurou que debido á crise sanitaria moitos dos proxectos postos en marcha paralizáronse, pero «os concellos demos a cara e estivemos en primeira liña con decisións e investimentos e reivindicou «un diálogo directo co Goberno central e non a través das comunidades autonómicas».

Para o alcalde de Santiago, as axudas europeas propiciaron un cambio de paradigma no funcionamento dos concellos que garante unha mellor calidade de vida para a cidadanía. Sinalou que a crise sanitaria serviu para acadar certos cambios positivos para os concellos como é a transformación tecnolóxica e denunciou de novo que «ao inicio da pandemia concellos estivemos sós, non recibimos ningunha axuda por parte das administracións públicas, excepto o millón de euros que nos achegou a Deputación».

ACERCA DAS EDUSI

No ámbito da EDUSI, a alcaldesa apuntou que, na actualidade, da Estratexia EidusCoruña para o período 2017-2023 adxudicáronse contratos de obras, servizos e subministracións por valor de 9 millóns de euros, que situaron a cidade nunha execución do 50%. «Cando comezamos este mandato non había nin un só euro executado dos máis de 15 millóns de euros previstos para a estratexia EDUSI. Tiñamos pouco tempo de manobra e en menos dun ano lanzamos a maioría das licitacións de obras financiadas por Europa».

Fondos, dixo Rey, que, ben utilizados, transforman a vida das persoas no ámbito social, no do medio ambiente e na parte da reactivación dixital da nosa cidade. A Coruña apostou entre outras actuacións pola humanización e urbanización dos barrios, así como a posta en marcha dos centros de baixa esixencia e a rehabilitación do Remanso para transformalo nun centro xuvenil.

Respecto ás xornadas que organiza o Concello servirán para que cidades e institucións de toda Europa debatan desde unha perspectiva global sobre como as políticas urbanas de alimentación sostible poden mellorar as nosas urbes e a calidade de vida das súas e os seus habitantes. Durante dous días daranse cita representantes dalgunhas das iniciativas máis relevantes a nivel mundial, como son o Pacto de Milán sobre Políticas Alimentarias Urbanas; a Declaración de Glasgow sobre a Alimentación e o Clima, que está vinculada á realización da COP26; o Centro Mundial de Valencia para a Alimentación Urbana Sostible (CEMAS); o programa europeo URBACT e Barcelona, como sede da Capital Mundial da Alimentación 2021.

Ademais, intervirán representantes de cidades europeas e españolas participantes nos programas URBACT e EDUSI como Roma, Coimbra, Mollet do Vallès, Santa Coloma de Gramenet, Castellón, Ourense ou Santiago de Compostela. Todas elas destacan pola súa firme aposta no desenvolvemento de políticas e proxectos dirixidos a mellorar os sistemas de alimentación desde unha perspectiva local e ecolóxica.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.