Inés Rey recorda que “o xornalismo é un dereito colectivo” na entrega do premio Pérez Lugín

A alcaldesa presidiu o acto de entrega da 80 edición, que recaeu na proposta do actor e guía Suso Martínez “Aqueles homes bigotudos do século XIX”, e na que a xornalista Marta Otero obtivo unha mención especial por “Compostela: aquella, la nuestra”

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mediodía a entrega da 80 edición do Premio de Xornalismo Pérez Lugín, xunto á presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, Doda Vázquez, nun acto, en que asistiron membros do colectivo e familiares do gañador, Suso Martínez, e a profesional distinguida cunha mención especial, Marta Otero. No acto en que se gardou un minuto de silencio polos profesionais españois asasinados hai unha semana en Burkina Faso, David Beriain e Roberto Fraile, Rey recordou como nos cambiou a vida desde a última celebración dos galardóns: “Somos agora moi distintos, pero por fortuna algúns alicerces da nosa comunidade seguen con boa saúde. O Pérez Lugín é un deles”. Ademais, no Día da Liberdade de Prensa, falou da relevancia que acadou durante a pandemia a información veraz, ou sexa, o xornalismo, que estivo á altura do desafío, “unha cuestión que non debemos esquecer porque se trata dun dereito colectivo e mais dunha forma de nos moldear como sociedade”.

Sobre o texto gañador, “Aqueles homes bigotudos do século XIX”, recalcou o percorrido que emprende Suso Martínez por algunhas das figuras que fixeron esta cidade tal e como a coñecemos. Con propostas como a de Marta Otero, engadiu, confírmase que o futuro do xornalismo escrito na Coruña está garantido, “tanto na vertente máis inmediata, no día a día, como na máis repousada”. A alcaldesa entregoulles dúas pezas de Sargadelos e dos respectivos cheques nunha edición que levou por lema “Xornalismo e vida universitaria: a canallesca máis alá da ‘Casa da Troya’”, no ano en que se conmemora o 150 aniversario do nacemento de Pérez Lugín.

O actor e guía turístico Suso Martínez conseguiu este galardón, dotado con 3.000 euros, cun relato en que, baixo o pseudónimo de Chevalier de Pas, describe a cidade de finais do XIX, a Belle Epoque, Casás e a carrilana a Santiago como personaxes principais. Marta Otero obtivo, pola súa parte, o accésit con ‘Compostela: aquella, la nuestra’, baixo o pseudónimo de Moncha Lozano.

Pola súa banda, Doda Vázquez lembrou que a vitalidade da democracia depende do xornalismo e indicou que nun estudo recente da súa asociación, o 85% das e dos compañeiros cuestionados viron empeorados os seus contratos e un 90% deles cre que esta situación desmellorou máis se cabe coa pandemia canto á precariedade, o paro e pola “imposibilidade” de conciliar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.