Marín abre o período de exposición pública para que a hostalaría aporte achegas á nova ordenanza de terrazas

A nova instrución de terrazas xa está aprobada, tal e como informou esta mañá a concelleira Marián Sanmartín, que ademais engadiu que xa está aberto tamén o período de exposición pública para que poidan realizar achegas á nova ordenanza que regulará de xeito definitivo as trazas sobre a ocupación de espazo público que xa se definen na instrución

Con esta instrución, apórtase a seguridade xurídica necesaria para poder regular as novas peticións de autorización de instalación de terrazas solicitadas polos locais, ben por nova ocupación ou ben por renovación da que xa tiñan.

A maiores, o que procura a instrución é ser unha antesala das medidas estéticas de homoxenización que se quere ir implementando de xeito progresivo no mobiliario público que se lle permitirá colocar aos locais.

É unha antesala precisamente porque o obxectivo do Concello é sacar adiante unha ordenanza que regule todas estas cuestións e para a que xa se iniciaron os trámites. O primeiro é precisamente ese período de exposición pública, no que o sector da hostalaría e todas as persoas que así o consideren poderán realizar achegas para aportar o seu punto de vista de cara ás consideracións que debe ter en conta a ordenanza.

“Xa llo trasladamos á asociación da hostalaría na última reunión que mantivemos cos seus representantes. Queremos que haxa unha importante participación do sector, que realice as súas aportacións para que podamos responder a todas as súas demandas e opinións nesta ordenanza”, explicou a concelleira Sanmartín.

Para poder realizar achegas, é abondo con entrar na sede electrónica e entrar no departamento de “Queixas e suxestións > suxerencia > motivo ou tema > consulta pública previa modificación > ordenanza”.

Exención do imposto da terraza durante todo o ano

Desde o inicio da pandemia, o Concello de Marín traballou para axudar e estar do lado dun dos sectores máis afectados polas restricións. Unha das facilidades impositivas que se aplicou foi a exención total do imposto de veladores e terrazas durante todo o pasado ano e agora, durante todo o 2021.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.