O 1 de xuño comezará a peonalización da Mosqueira e entrarán en funcionamento as novas liñas de bus urbano de Lugo

Rubén Arroxo: «A partir do día 1 contaremos cun servizo de transporte completamente renovado que dará un mellor servizo á veciñanza»

O Tenente Alcalde, e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou en rolda de prensa que o vindeiro 1 de xuño entrarán en funcionamento as novas liñas de transporte urbano e darán comezo os traballos de peonalización do treito da Mosqueira na Ronda da Muralla. Arroxo explicou que «trátase de dous proxectos que transformarán a cidade, avanzando na humanización do noso monumento máis importante e activando unhas liñas de transporte público completamente renovadas que darán un mellor servizo a máis veciñas e veciños».

Entre as modificacións que se levarán a cabo o día 1 inclúese tamén a reordenación do tráfico na contorna da Mosqueira, que permitirá gañar máis de 100 prazas de estacionamento na contorna do centro da cidade, ademais de mellorar a fluidez da circulación. Arroxo explicou que «mudamos a circulación o mesmo día que entran en funcionamento as novas liñas para evitar conflictos nos percorridos das novas liñas, que están deseñadas pensando na Mosqueira peonil».

O cruce entre a rúa Vilalba e Ramón Ferreiro pasará a ter unha rotonda que axilizará o tráfico, que poderá continuar por Ramón Ferreiro ou Rodríguez Mourelo, mentres que a avenida alcalde Anxo López Pérez cambiará de sentido. Para continuar cara a San Roque, o itinerario percorrerá por Salvador de Madariaga, que cambiará de sentido ,continuando pola praza de Bretaña e a Rúa Dinán, onde se poderá coller cara a rúa das Hermanitas, que levará a San Roque ou á rúa Cidade de Vigo, que cambiará tamén de sentido para comunicar co aparcadoiro disuasorio do Seminario Menor.

Esta nova ordenación das rúas permitirá tamén gañar algo máis de 100 prazas de estacionamento a menos de 5 minutos a pé do centro da cidade«, lembrou Rubén Arroxo.

A peonalización da Mosqueira adxudicada á empresa Hermanos Pico Yañez, que presentou un orzamento de 588.836€ e os traballos terán un prazo de realización de 8 meses. A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira. Desde o goberno municipal agárdase iniciar a actuación nos primeiros meses de 2021.

O novo proxecto de liñas de bus urbano está composto por catro grandes liñas que conectarán as zonas norte e sur de Lugo, e dúas máis que conectarán o leste co oeste da cidade. No eixo Norte-Sur da cidade, que inclúe a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla, a avenida Ramón Ferreiro e a Avenida de Madrid, onde se atopa a maior parte da poboación, terán un bus cunha frecuencia de 10 minutos.

O 1 de xuño entrarán en funcionamento, ademais das novas liñas, as máis de 20 pantallas instaladas en distintas paradas ao longo da cidade. Rubén Arroxo anunciou que «todas as persoas que proben o novo modelo de transporte urbano poderán facelo de xeito gratuíto o día 1».

Coas novas liñas, o HULA gañará conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo actual non teñen transporte directo. As novas liñas permitirán conectar de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. «Contaremos con 6 liñas que partirán de distintas zonas da cidade e rematarán no HULA, permitindo que a maior parte da veciñanza teña transporte directo ao hospital», segundo explicou Rubén Arroxo

Os distintos barrios melloran as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta que hai actualmente a 30 minutos cando entren en funcionamento as novas liñas.

Nos polígonos do CEAO e das Gándaras mellorarase tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla. Ao mesmo tempo, a zona rural manterá o servizo contando con catro liñas de transporte público.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.