“O Banco Santander, a administración concursal e a lentitude da xustiza impiden cobrar aos traballadores de Catisa”

A inoperancia da xustiza desespera ós traballadores pendentes de cobrar dende fai anos

Anos despois da sentenza xudicial que lles daba a razón ós traballadores e traballadoras galegas das empresas Catisa e Hormigones La Estrella na súa demanda de extinción dos contratos e de múltiples denuncias públicas dos mesmos pola lentitude da xustiza, os traballadores e traballadoras destas empresas do grupo Martínez Nuñez voltan a reivindicar unha solución ó bloqueo xudicial que padece este caso e que lles permita dunha vez por todas, pasar páxina e coñecer se é posible chegar a percibir a parte que lles queda pendente de cobrar das indemnizacións de 45 días por ano traballado que gañaron no Xulgado. “Até o de agora, cobraron 30 días (10 mais por cada ano traballado que o resto de traballadores que non demandaron daquela), que aboou o Fogasa e, por desgraza, este retraso fai que cada día sexa mais complicado chegar a cobrar o que resta” afirma Afonso Losada, responsábel da CIG-Construción.

Preguntado sobre o porqué deste retraso, Afonso Losada amósase contundente “é un cúmulo de inoperancia da administración concursal por un lado e das contínuas impugnacións, recursos e dilatacións que os diferentes actores do proceso están a impoñer, cun actor principal, que é o Banco Santander que coa súa oposición, derivada da pretensión de cobrar a totalidade da súa débeda hipotecaria, está a alongar unha agonía xá inaguantable”.

Sobre a situación actual declara: “Neste momento están pendentes de executarse a liquidación total dos activos da empresa para que, acto seguido, se poidan empezar a afrontar as débedas da empresa cos seus acredores, entre os que están os traballadores”.

Por desgraza, a venta dos activos está a ser desesperadamente lenta, o que limita a posibilidade de chegar a cobrar todo, xá que se están a gastar os cartos recadados até o de agora en vixilancia, pagos á empresa liquidadora, gastos correntes, etc, e se produce unha devaluación dos activos, acrecentados coa alarma producida polo saqueo e pillaxe ao que se viron sometidas as instalacións na canteira do Bierzo.

Por iso demandamos axilidade e claridade á administración concursal e ao xulgado do mercantil madrileño que reabriu o concurso”.

 “Os traballadores están fartos desta situación. Levan anos agardando e só queren cobrar o que lles pertence para poder deixar atrás isto e seguir coas súas vidas e os seus traballos actuais” remata Afonso Losada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.