O BNG de Cartelle pide melloras na feira mensual e avanzar cara unha coordinación comarcal deste tipo de eventos

O BNG proporá no próximo pleno da corporación de Cartelle a elaboración dun censo de produtores e explotacións locais, unha melloras na feira mensual e avanzar na coordinación comarcal para a promoción, profesionalización e coordinación das feiras dos distintos concellos.
A iniciativa enmárcase na campaña comarcal que o BNG lanzou a finais de 2020 para reactivar o comercio local nos municipios da Baixa Limia e da Terra de Celanova. A proposta para avanzar cara unha coordinación a nivel comarcal dos diferentes eventos e feiras libras xa conta cun acordo plenario en Celanova, onde se aprobou a creación dunha Comisión municipal de Comercio, e na Merca. Ambas, a proposta do BNG.
En concreto, no caso de Cartelle, as nacionalistas apostan pola creación dunha «marca das feiras de Baixa Limia e Terra de Celanova, e establecer unha oferta de formación para os participantes no itinerario, así como ferramentas comúns de comunicación e difusión das feiras e eventos».
Ademais, piden que «se estude a posibilidade de facer ao longo do ano mercados monográficos que dean a coñecer o tecido agrícola produtivo de Cartelle entre as nosas veciñas e veciños»; así como «estudar a posibilidade de mellorar, en colaboración coa empresa de transporte, o servizo entre a nosa localidade e a cabeceira de comarca nos días mercado semanal».