O Ceesg insta á Xunta a cumprir os dereitos sociais das persoas en situación de vulnerabilidade e non reclamar a devolución da RISGA

O Ceesg advirte de que a solicitude do ente autonómico de devolución de varios meses da Renda de Inclusión Social de Galicia ás receptoras da mesma, por entendela como “incompatible” coa percepción do Ingreso Mínimo Vital, “incumpre os dereitos da poboación que se atopa nunha maior situación de vulnerabilidade nun momento de clara desvantaxe económica, educativa e social por mor da pandemia”

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) vén de remitir un escrito á Xunta de Galicia no que, en atención á Lei de Inclusión Social galega, solicita á administración autonómica que reverta as accións iniciadas nos últimos días de reclamación da devolución da prestación da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ás persoas beneficiarias da mesma por considerar, desde o ente autonómico, que a súa percepción é incompatible co Ingreso Mínimo Vital.

O Ceesg cualifica de “incongruente” unha práctica que, considera, “incumpre os dereitos sociais das persoas en situación de vulnerabilidade que establece a propia Lei de Inclusión Social de Galicia”, e chama á Xunta  “a salvagardar o benestar da cidadanía”, particularmente das persoas beneficiarias da RISGA, revertendo unha circunstancia que vén provocada, a ollos do Colexio, “pola ausencia de coordinación efectiva entre a administración estatal e autonómica”.

Así, na súa exposición, o Colexio salienta que Lei 10/2013 de Inclusión Social, no seu artigo 5, establece como principios xerais de aplicación e interpretación, entre outros puntos, a integración, coordinación e a transversalidade, explicitando que as políticas públicas da Xunta “se deseñarán tendo en conta o seu impacto na inclusión social”; ademais de “procurar a compensación “de situacións consolidadas de marxinación e déficit de oportunidades de grupos e colectivos sociais”. Con todo, o propio artigo lembra que os recursos públicos que se destinen para facer efectivos estes dereitos farán posible unha mellora das oportunidades reais de inclusión social e laboral das beneficiarias.

É por iso que o Ceesg lembra que na mesma lei, no seu artigo 42.2, esta recolle expresamente que, “cando por causas non imputables á persoa beneficiaria se perciban cantidades ás que non se tivese dereito, aplicarase a compensación anteriormente citada como procedemento ordinario de regularización”. Porén, o Colexio considera que non cabe incumprimento das obrigas previstas na Lei, dado que a Xunta de Galicia é coñecedora das persoas que reciben o Ingreso Mínimo Vital, como así se amosa nas comunicacións que as perceptoras están a recibir e nas que se lles solicita a devolución do percibido.

Atención e coidado do Sistema de Protección Social

“Os Servicios Sociais Comunitarios de Galicia, a través dos equipos interdisciplinares e as Entidades de Iniciativa Social, veñen traballando a reo nestes últimos tempos para afrontar a situación de pandemia sanitaria que viviu o país e que conlevou unha desvantaxe económica, educativa e social para a poboación de maior vulnerabilidade”, asevera o Ceesg no escrito, no que lembra que un dos seus obxectivos é manter a súa participación activa “nos procesos que leven a estabelecer o futuro das políticas sociais que deben garantir o noso Sistema de Protección Social”.

É por iso que o Colexio insta á Xunta a atender ao principio de participación, diálogo social e diálogo civil que recolle a Lei de Inclusión Social, que explicita literalmente que o ente autonómico “manterá abertas as canles de diálogo social institucional cos axentes sociais e cos representantes das entidades de iniciativa social no seguimento das medidas reguladas nesta lei de cara á súa mellora, adaptación e perfeccionamento”.

“A Educación Social está ao carón da cidadanía, especialmente da que se atopa en situación de vulnerabilidade. As persoas beneficiarias da RISGA non deben sufrir unha nova discriminación por parte das administracións públicas, quen coas súas accións e políticas deben garantir a súa protección”, afirma o Ceesg.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.