O Concello da Coruña impulsa por primeira vez na súa historia un programa para previr a violencia filio-parental

O convenio de colaboración do proxecto “Convivindo”, cuxa achega municipal é de 19.000 euros, asinouse esta mañá coa Fundación Amigó co fin de lles dar unha resposta socioeducativa e terapéutica a aquelas familias con situacións de conflitos entre nais/pais e as súas fillas e fillos
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, e o director territorial de Galicia da Fundación Amigó, José Antonio Morala, asinaron esta mañá en María Pita un convenio de colaboración para financiar o programa “Convivindo” de prevención da violencia filio-parental durante o ano 2021. A achega municipal é de 19.000 euros. No acto, que tivo lugar en María Pita, tamén estivo presente o presidente a nivel estatal da Fundación Amigó, Jesús Maria Echechiquia.
Yoya Neira sinalou que “é a primeira vez que o Concello da Coruña colabora nun proxecto para previr a violencia filio-parental” para, dixo, “dar resposta a necesidades que están aí, é unha realidade que adoita ocorrer de portas dentro”. A concelleira lembrou que o Goberno de Inés Rey “está en contra de todo tipo de violencias e por iso sempre vai tender a man a proxectos desta índole”. Agarda que esta vía de comunicación “que hoxe se abre” coa Fundación Amigó sexa moi próspera.
O proxecto Convivindo é unha proposta socioeducativa e terapéutica que pretende ofrecerlles unha resposta especializada a aquelas familias que se atopan en situación de exclusión debido a situacións de conflito entre as e os proxenitores e as súas fillas e fillos, especificamente as situacións de violencia filio-parental ascendente en que as e os descendentes mostran algún tipo de violencia cara ás súas figuras de referencia adultas.
A intervención lévase a cabo cun equipo multidisciplinar en varias fases diferenciadas en que se vai desenvolvendo o itinerario de cada familia. Realízase unha intervención integral de inicio a fin, a través de actividades de apoio, acompañamento especializado e control e seguimento de resultados, así como de prevención nas recaídas.
O programa divídese en dúas liñas de actuación: orientación e sensibilización (obradoiros e actividades de prevención e sensibilización co fin de evitar e minimizar os conflitos familiares) e de intervención socioeducativa e terapéutica (atención ás familias en conflito nas que xa está presente algunha forma de violencia filio-parental ascendente).
Desde a Fundación Amigó explicaron que a entidade comezou a súa andadura na prevención da violencia filio-parental no ano 2017 atendendo a 42 persoas usuarias directas e 17 familias. Desde esa data, as cifras foron aumentando até chegar a atender no que vai de ano 71 consultas só na Coruña.